CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Máis unha fazaña bélica

docevalentes2
photo_camera Un fotograma do filme.

12 VALENTES
12 Strong
(EUA 2018, 130 min.) 
Dirección: Nicolai Fulglsig
Guión: Peter Craig e Ted Tally
Fotografía: Rasmus Videbæk
Música: Lorne Balfe
Elenco: Chris Hemsworth, Michael Shannon, Michael Peña, Navid Negahban, Elsa Pataky, Trevante Rhodes, William Fichtner, Rob Riggle, Numan Acar

SINOPSE
Un grupo de doce soldados das forzas especiais fai a primeira incursión en Afganistán após o derrubo das Torres Xemelgas.

CRÍTICA

O 11 de setembro de 2001 Bin Laden tira abaixo as Torres Xemelgas. Un ataque intolerábel ao corazón de América que debe ser vingado. Doce -si, doce- membros das forzas especiais reúnense para viaxar a Afganistán e repartir un boa restra de hostias aos talibáns que ri ti das que reparte ‘Morris’ en Fariña... O curioso do asunto é que 12 valentes está baseada en feitos reais. Seica si que houbo doce tipiños que marcharon en plan Rambo a vingar o seu país. Por certo, eu non digo nada pero en Rambo III (1988, Peter MacDonald) os talibáns eran aliados dos EUA... 

Peter Craig (Os xogos da fame: Sinsajo) coescribe con Ted Tally (gañador dun Óscar por O silencio dos cordeiros) un guión baseado nunha novela de Doug Stanton que recompila as fazañas bélicas destes soldadiños con corazón de barras e estrelas. Para máis inri produce Jerry Bruckheimer, así que a espectacularidade palomiteira está asegurada... Bruckheimer encarga o conto a un tal Nicolai Fulgsig, director dinamarqués que debuta na dirección e que claramente quedou fagocitado pola aparatosa maquinaria de Hollywood. Realiza un filme previsíbel, cunha montaxe mareante e un elenco que está perdidiño a maior parte do tempo. Só se salva da queima algunha escena bélica e os planos cenitais ideados polo director de fotografía, tamén dinamarqués, Rasmus Videbæk (A torre escura).

Ao igual que na era Reagan, cando Chuck Norris e Rambo competían por ver quen mataba máis “inimigos da liberdade”, hai unha nova proliferación de filmes de fazañas bélicas. Xa se sabe que o cinema, ademais dun medio de entretemento, tamén pode ser un poderoso medio de propaganda... e corren tempos nos que cómpre recuperar o patriotismo colonial máis rancio. Así que nada mellor que sacar á luz grandes historias bélicas cheas de testosterona, compañeirismo, valor e honor. Os heroes marchan á guerra mentres as resignadas esposas agardan no fogar a que volvan os seus valentes homes. Todo moi normal. Unha boa cortina de fume para lanzar mensaxes subliminares de como debe ser un comportamento exemplar dun bo cidadán americano e, de paso, tapar o colonialismo e as atrocidades das guerras nas que transcorre a acción. 13 horas: os soldados secretos de Bengasi (2016, Michael Bay), Ata o último home (2016, Mel Gibson) ou O único supervivente (2013, Peter Berg) son boa mostra desta nova onda de propaganda ultra-ianqui. 

Non hai que ser moi espelido para supoñer que 12 valentes non se cuestiona en ningún momento que foi Bin Landen o único responsábel de tirar as Torres Xemelgas, e tamén deixa claro desde o primeiro momento que todos os talibáns son uns sádicos sen escrúpulos. Pero... como explicar que os talibáns eran uns excelentes aliados con Rambo e agora son tan malos? Como previndo esta inconsistencia cinematográfica espacio-temporal, cara ao final do filme, o xeneral Dostum (David Neghaban), di unha frase para a posteridade do rancio-cinema: “os amigos de antes son agora os inimigos, e os inimigos serán logo amigos...” ou algo parecido... a verdade é que tiña a pálpebra a medias e non me lembro moi ben.

Comentarios