Publirreportaxe

Lugo Cultural, un punto de encontro entre a comunidade universitaria e a cidade a través da arte

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborou co Lugo Cultural, unha programación organizada pola área de Cultura da Universidade de Santiago, que conta tamén coa colaboración da área de Cultura do Concello de Lugo e que ten como obxectivo fomentar a participación da comunidade universitaria na vida cultural da cidade, creando foros de encontro entre a cidade e o campus..
 
Entrega de premios do Maratón Fotográfico
photo_camera Entrega de premios do Maratón Fotográfico

Ao longo do ano, realizáronse máis de 50 xornadas de actividade cultural, con ciclos consolidados como o Lubicán, que este ano trouxo a Lugo a Grande Amore ou a Fillas de Cassandra, ou Músicas a carón da Mosqueira, que impulsa a novas creadoras e creadores de musica clásica, e tamén se seguiron ampliando os espazos para a creación, a formación e a experimentación en diferentes eidos artísticos con festivais, encontros e certames, que converteron a cidade en escenario e fonte de inspiración para a creación artística.

O Maratón Fotográfico do Campus, con 29 edicións, as mesmas que o Lugo Cultural, é un dos certames que canalizan as inquedanzas artísticas da comunidade universitaria. Este ano, as persoas participantes foron convocadas para realizaren, nunha mañá, fotografías sobre a idea de caos, o tema proposta pola organización, e outras de asunto libre. O certame recibiu este ano 72 traballos, 72 miradas sobre distintos recunchos da cidade.

José Luis Bermúdez Salinas -Premio Carlos Valcárcel- , Esther López Álvarez –Premio Eduardo Ochoa– e Rocío Losada Iglesias –Premio á mellor fotografía de tema libre– fixéronse coas distincións do certame, coordinado por Eduardo Ochoa. As súas imaxes forman parte dunha escolma de vinte que pode verse ata o 19 de xaneiro na Biblioteca Intercentros e que, a partir do 22 de xaneiro, estará na Biblioteca Provincial de Lugo.

O certame, que cada vez conta con máis relevancia e interese mesmo fóra do ámbito universitario, tamén frutifica na edición dun calendario para o que se seleccionan 12 fotografías para ilustrar cada un dos meses do ano.

Outra das convocatorias con maior participación é o Findecurta, que impulsa a creatividade audiovisual en galego da mocidade. O multiverso centrou a temática das nove propostas creativas presentadas a concurso na oitava edición do certame, gravadas en catro días, como establecen nas bases do certame, coordinado por Bruno Ma.
O primeiro premio foi para Portas, unha curta que narra as peripecias pola cidade dunha rapaza que, de noite, sae da súa habitación cara á cociña na procura duns froitos secos. O galardón recoñeceu o talento e esforzo das súas autoras, un cuarteto feminino de mozas preuniversitarias integrado por Elba Penas, Alba Area López, Uxía Calviño e Ayla Álvarez, que captaron cos seu móbiles imaxes dunha cidade de Lugo totalmente baleira de xente.

O premio do público recibiuno a curta Dodo, de IAA, cinco estudantes universitarios e de ensino secundario que crearon o seu particular multiverso arredor dunha autocaravana e dos seus exteriores.

A convocatoria do Findecurta acompáñase de actividades complementarias, orientadas á formación na linguaxe audiovisual, nas que este ano participou Pepe Coira, que impartiu unha conferencia sobre guión. 

Novas linguaxes e formatos

O Lugo Cultural aposta tamén pola creatividade en formatos e linguaxes máis eclécticas e novidosas con certames que están a ter unha boa acollida na comunidade universitaria, e que contan coa colaboración das artistas Mónica Alonso e Montse Rego para agasallar ás persoas premiadas con obras artísticas.

É o caso do Certame de Videocreación, que este ano chegou á quinta edición, ao que se presentaron 11 traballos, obras nas que conflúen a literatura e o audiovisual. Mario Pereira Goiriz con Quinta estación -Premio a mellor linguaxe visual-, Ana Valentina López e Cristiam Leiva con Carta de amor –Premio Araceli Herrero- e Diego Sanmartín e Luz Salgado con Todo flúe -Premio Isidro Novo- levaron as distincións do certame.

A proposta máis nova do Lugo Cultural é o Certame de Paisaxe Sonora, que convida a crear e recrear espazos ou transmitir sentimentos e ideas a partir do son e da escoita. A convocatoria, coordinada por Arturo Vaquero , recibiu 16 propostas e distinguiu as obras Sensacións do Morrazo, de Carlos Suárez, e El Peregrino, de Luz María Salgueiro e 
Diego Sanmartín.

Comentarios