NO OBRADOIRO DE POESíA DO HOSPITAL PSIQUIáTRICO DE MULLERES DE BOS AIRES

Elas lúcidas. Elas fermosas. Elas coa alma mancada

Mans mulleres hospital psiquiátrico Bos Aires
photo_camera Foto: C.S.

Mañá fermosa, soleada. Vai moito frío neste outono porteño. Vou, con ilusión, a territorios de dor e de soños que queiman as bolboretas que se acercaron de máis á luz. Invitado polo seu coordinador, da Asociación de Poetas Arxentinos, Daniel, no Festival internacional de Poesía de Bos Aires. Camiño do Obradoiro de Poesía do Hospital Psiquiátrico de Mulleres, Moyano. Todo o autocarro da municipalidade cheo de familiares que van ver os seus seres queridos, internadas.

No alto, o ceo dun azul metálico, a lúa, clara. Vou coa incerteza de saber crear entre todas territorios de tenrura. Sen saber se a palabra poética será sanadora.

Na beirarrúa, un home sentado e, diante del, moitas migallas e anaquiños de pan para os paxaros e as pombas. Quizais compañeiros de soidades.

Entro no Hospital Psiquiátrico de mulleres. Na beirarrúa de enfronte o Hospital Psiquiátrico de Homes. Un cartaz lembra a represión que houbo hai tres anos. Vexo policía con armas para calar as súas reivindicacións.

IMG_3729Non é un territorio só de dor, é un territorio da tenrura que abrasa. Saúdo o psiquiatra (de Outes). No Obradoiro de artesanía (a coordinadora é de Cariño) pintan caixiñas, tecen tapices. Tapices que cubrirán xanelas que antes tiñan barrotes. Un tapiz tecido ten un poema: Hoxe van brillar os ceos/ que me ollaron padecer.

Os chans relocen nun edificio de outro tempo, destartalado. Reflicten un sol que abraza. 

Sentamos nunha mesa, vanse achegando ao nos escoitar. Unhas fican, outras saúdan cun bico e marchan. Nunca estiveron nun Obradoiro de Poesía.

Non é un territorio só de dor, é un territorio da tenrura que abrasa

Leo poemas, len poemas. Gostan elas, gosto eu ao escoitalas. Len coa inseguridade que leo eu os meus poemas. Mulleres quen o traballo lles puxo as maos de quen nunca minte.

Facemos un xogo que fai na casa a nena de Débora: lemos poemas susurrados. Susurrámonos aos ouvidos poemas, cun papel enrolado. Conmóveme escoitar os meus poemas. Débora, Ela popular, as súas maos . Fala lentamente (a medicación). Susurrámonos entre nos. Soledad fai un texto poético. Fálanos da tatuaxe que leva no corpo, cun verso ao seu amor.

Lemos, falamos de como amamos a vida. Falamos das palabras das que gustamos. A vida sigue no día a día do Hospital. É hora de xantar. Veñen recoller a Débora, ten días de permiso. O seu pai lévaa como a levou quizais cando nena. 

IMG_3742Parto eu e máis Daniel. En todo lugar saúdanme cun bico. Elas, fermosas, lúcidas, que o mal vento da vida lles mancou a alma. E creboulles tantas veces o corpo.

Gardo silencio no xardín arborado.

Ámoas profundamente lúcidas e fermosas de corazón mancado. Amo profundamente o ser humano.

Comentarios