Literatura

'Nove Lúas', de Lionel Rexes Martínez, Premio Neira Vilas de Novela Curta

"Sobre o pano de fondo da guerra civil, destaca a vontade de estilo que impregna todo o relato", argumenta o xurado.
Lionel Rexes Martínez. (Foto: Europa Press)
photo_camera Lionel Rexes Martínez. (Foto: Carlos Cornide Pumares)

O xurado da oitava edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta vén de outorgar o galardón, após as deliberacións da tarde desta segunda feira, que concluíron cunha decisión unánime, á obra Nove Lúas, de Lionel Rexes Martínez. A sesión decorreu no Pazo de San Roque e o xurado estivo conformado por dous membros da Fundación Xosé Neira Vilas, Juan Andrés Fernández e Rosalía Morlán, e polo crítico literario e profesor universitario Armando Requeixo.

A obra salienta, precisaron desde o xurado, pola súa estrutura narrativa armada arredor das relacións dos personaxes e de como deben afrontar as opcións vitais e laborais en contextos de gran dificultade. "Sobre o pano de fondo da guerra civil, destaca a vontade de estilo que impregna todo o relato", argumentan.

O galardón entregarase esta próxima sexta feira, 3 de novembro, nun acto público na Casa do Romano, sede da Fundación Xosé Neira Vilas en Gres (Vila de Cruces, Deza), coincidindo coa conmemoración do Día da Lectura e, con este motivo, farase unha lectura pública da poesía de Neira Vilas e a súa compañeira, Anisia Miranda.

O premio está dotado con 1.000 euros e a publicación do traballo seleccionado en Edicións Embora. O obxectivo do certame, dirixido ao público infantil e xuvenil, é estimar a creación literaria, fomentar a lectura en lingua galega e proporcionar obras de calidade ao público máis novo que lle permitan achegarse ao mundo da novela.

Comentarios