CONTRACULTURA

Jásper, de Loita Amada: "Esta é unha segunda oportunidade marabillosa despois de Nao e non a queremos desaproveitar"

Loita Amada fecha a súa xira mañá na Sala Capitol de Compostela cun concerto único, cargado de emoción e de colaboracións. Pablo Carracedo Jasper, o actual vocalista da banda e antigo líder de Nao, aborda o percorrido de Rematou o simulacro, o segundo traballo do grupo, e os próximos proxectos que xa están en marcha.

Loita Amada. (Foto: Iván Barreiro)
Davide Salgado, Xiana Naval, Pablo Jasper, Ana N. Cuñarro, Alberte Fernández e Amós Varela. (Foto: Iván Barreiro)

—Que lectura fai de toda a xira?
Estamos contentísimos tanto co resultado como coa evolución interna que tivo a banda. Comezamos Nébeda e mais eu gravando un disco en solitario. Despois contamos con músicos contratados, con algúns cambios na formación. Mais agora contamos cunha formación implicada completamente e que a nivel interno ve a banda como un proxecto seu. Para nós foi o inicio fermosísimo dunha nova banda.

Manifestamos un soño, que era poder volver estar en festivais grandes, seguir camiñando cun proxecto musical a grande escala. Para isto, decidimos gravar este disco en Estudios Garate con Kaki Arkarazo, enfocado a cambiar o noso son e a buscar un espazo intermedio entre o que eu fixen historicamente e o que me gustaría facer agora. Nesta xira de salas percorremos practicamente toda a Galiza e estivemos tamén en Catalunya e Euskal Herria. A xente abriunos as súas portas e fixemos un verán marabilloso.

Foi un ano que nos serviu de trampolín e que penso que nos colocou nun camiño moi interesante que queremos explorar e explotar a fondo. Agora queriamos pórlle un lazo nunha sala como é a Capitol. Por iso queriamos contar con persoas, amigas que temos arredor da banda. Ten pinta de que vai ser unha noite histórica.

—Foi difícil chegar á formación actual?
Nos grupos hai moitos impedimentos externos. É moi difícil fechar datas, que te chamen de festivais, pensar nunha xira de salas tan longa como a que fixemos e que se poida levar a cabo... É necesario que todo o mundo reme na mesma dirección e que o sinta como o sentimos o resto.

O noso obxectivo actual é gravar un terceiro disco. A idea era facelo no verán, mais contamos cunha implicación tan alta que todo funcionou moi ben a nivel creativo, polo que gravaremos en Semana Santa, anticipámonos tres meses. E xa estamos pensando na xira de presentación que faremos para ese disco.

—Está todo xa encamiñado.
Non adoitamos deixar as cousas no aire. Temos proxecto, ambición e unha liña clara cara á que queremos ir. Creo que tanto para Amós como para min, que levamos moito tempo nisto, esta é unha segunda oportunidade marabillosa e non a queremos desaproveitar. Despois de toda a aprendizaxe que adquirimos en Nao, hai cousas que para nós quedaron sen facer.

As persoas que están agora en Loita Amada tamén teñen cousas pendentes, así que agora estamos cumprindo soños xuntas. Por outra banda, temos un claro compromiso social e sabemos que hai loitas nas que temos que estar. Cando facemos a programación do ano seguinte xa estamos pensando en todo o que temos que enfrontar, como Altri, a mina de Touro ou a lingua. Tamén queremos ir fóra e mostrar o que acontece aquí; seguir traballando desde a esquerda antifascista a nivel europeo e estatal.

—Neste feche de xira hai moitas voces amigas e tamén cancións de Nao. Por que?
Polo momento aínda temos pouco repertorio e este concerto é outro feche de etapa. Nao rematou en 2019 e claro que nos gusta tocar esas cancións, porque nos seguen representando. Con todo, penso que este concerto é un bo momento para darlle carpetazo. Queriamos pasar esa páxina acompañados de persoas coas que hai tempo que non colaboramos, como Nervo, Tanxugueiras, Hugo Guezeta e Álex Arnoso. É como unha segunda despedida.

Comentarios