O Carvalho que abrochou de Ferrol Vello

Publicamos a seguir un extracto do artigo que Henrique da Costa publicou sobre Carvalho Calero no Nós Diario desta terza feira. 
Carvalho Calero familia
Ricardo Carvalho Calero maila súa familia.

Carvalho Calero porfiou na galeguidade da súa cidade natal. O seu Ferrol Vello, o máis enxebre e medieval, era barrio de pescadores: comercio de efectos navais, pazo con capela da familia dos Bermúdez, a igrexa do Socorro e a afamada Virxe da Parrocheira... Unha sorte de vila mariñeira ao xeito da veciña Mugardos. Delimitábao o Cristo subindo por San Francisco, hoxe inexistente. A cidade ex-novo, a da Ilustración, nacía no momento en que a súa rúa natal se tornaba na Real, quebrando aquel ambiente castizo que el vivira en sendo neno.

"En Ferrol, na Praza Vella / bule o domingo de feira. // Vella praza mariñeira, / praza rachada e peixeira, / unha vegada por mes / faste interior e labrega", cóntanos o que sucedía por tras da súa casa de infancia, marcada esta pola desgraza da morte da mai cando el tiña 8 anos. Casado o pai en segundas nupcias cunha cuñada, tamén falecerá ao pouco. Non é de estrañar que o escritor confese unha certa tendencia á melancolía, á introspección, ser un neno triste. A súa era familia da burguesía comercial acomodada, co pai consignatario de barcos, fornecedor da Mariña e do Exército. Prosperara economicamente durante a Gran Guerra, arruinándose tras a morte das esposas.

Parte da obra de creación, sobre todo narrativa e poética, nutrirase da súa biografía. Aínda que ficcionalmente, n' O lar de Clara, escrita na posguerra, xorden con nitidez os elementos acabados de citar, e moito máis tarde en Scórpio. A mai do protagonista morre en ambas, de gripe na primeira, de tifo na segunda. Dos seis fillos nacidos, dise na primeira novela, sobreviven catro, idéntico á vida da familia real; ou o papel de irmán primoxénito, afectuoso cos irmáns, bo estudante e que, como tantos rapaces ferroláns, anhelaba ser xeneral. As vivencias do veraneo vémolas nos contos As pitas baixo a chuvia e n' Os tumbos

[Páxinas patrocinadas]

DepCor_horiz

Comentarios