mércores 26.02.2020

As librarías galegas avalían como facer fronte aos cambios comerciais do sector

As libreiras danse cita en Compostela para partillaren experiencias
Representantes da Federación de Librarías da Galiza e da Xunta da Galiza na apertura das II Xornadas Profesionais do sector.
Representantes da Federación de Librarías da Galiza e da Xunta da Galiza na apertura das II Xornadas Profesionais do sector.

Durante o día de onte, as libreiras galegas celebraron a segunda edición das súas xornadas profesionais, unha xuntanza que procura estabelecer liñas de renovación permanente do sector, achegando axudas e propostas para manter en auxe a súa actividade ante os cambios dos novos mercados. Así, tratáronse diferentes aspectos, como a transformación dixital, o uso das redes sociais ou a aposta pola internacionalización, fomentando a presenza en feiras e mercados  de Portugal.

O evento está organizado pola Federación de Librarías da Galiza co apoio da Consellaría de Cultura. Como representantes da Xunta, participaron o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lourenzo, e o secretario xeral técnico da Consellaría de Economía, Emprego e Industria, Borja Verea. Desde a Federación consideran que o programa conseguiu abarcar unha serie de aspectos profesionais que permiten "avanzar na consolidación e afrontar a competencia que supón os cambios comerciais e sociais que se están producindo".

Ao longo do encontro, as participantes debateron sobre programas de axuda, novidades fiscais e as novas comunicacións. O economista Rubén Armenteros centrou un relatorio sobre a incidencia das novidades fiscais no sector e técnicos do Igape informaron sobre as convocatorias do programa Galiza Exporta, que inclúe apoios para chegar a novos mercados. As asistentes tamén levaron a cabo experiencias prácticas de comunicación e de aproveitamento das redes sociais para os seus negocios.

Antón Pedreira, dono da picheleira Libraría Pedreira, que formou no pasado parte da equipa directiva da Federación, aprecia que o gran problema do sector vén "arrastrado de longo pola falta de promoción e campañas de lectura", unha responsabilidade que recae na ausencia de implicación institucional. Así mesmo, sinala que se leva anos reivindicando a recuperación da Dirección Xeral do Libro, pois dentro do esquema da Consellaría de Cultura e Turismo o seu sector inclúese no "mesmo saco" que outras industrias e manifestacións culturais que funcionan con dinámicas ben diferentes.

Con todo, Pedreira valora de maneira positiva o impacto que estas xornadas teñen como unha ocasión para "pór en común experiencias", sobre todo arredor das redes sociais.

A loita contra os xigantes de internet

María Couceiro, propietaria doutra das históricas librarías compostelás —bautizada co seu apelido— aprecia como principal eiva do sector a "falta de unión contra as grandes plataformas dixitais". Fronte ao funcionamento dos mercados globais a través da rede e o dominio de xigantes como Amazon, a estratexia pasa na súa opinión pola aposta no local e o apoio colectivo. Couceiro considera, ademais, que o futuro implica necesariamente "a especialización, en calquera cousa", porque doutro modo resulta imposíbel competir e abarcalo todo.

A produción do libro galego atravesa, para Pedreira, un momento positivo, quer en cantidade quer en calidade. "Hai quen merque libros", porén, "falta ese apoio da Administración". Neste senso, sinala que  malia falarse moito de internacionalización, na práctica "non se está a facer".

As librarías como dinamizador cultural

Se cadra como resposta ás novas dinámicas de competencia cos xigantes da comercialización por internet, as librarías víronse obrigadas en boa medida a reinventarse continuamente. Na súa intervención, Anxo M. Lourenzo destacou o papel que estes negocios veñen desenvolvendo como elementos de dinamización cultural. Igualmente, Pedreira destaca o rol que entidades como a súa exercen como "espazos de cultura", nos que non só se venden libros, senón que se acaban organizando gran cantidade de actividades diversas. Esta dimensión ficaría para el tamén desatendida desde o punto de vista administrativo. Pedreira apunta cara a modelos como o de Catalunya, no que desde os propios concellos se fomenta o traballo deses espazos, ou mesmo se apoian reducións no pago do IVE.

comentarios