Contracultura

Juan Carlos Cambas, pianista: "Esta é a historia de miles de emigrantes galegos, é a mesma historia repetida moitas veces"

Juan Carlos Cambas, pianista, fala do seu primeiro disco, A viaxe, que presenta -tras dez anos de traballo en colaboración con 30 artistas de diferentes países- no Teatro Principal de Pontevedra o sábado 17. Para Cambas, este proxecto representa unha travesía tinguida pola emigración entre a Arxentina e a Galiza co obxectivo de, como el di, "sandar esa historia".
O pianista Juan Carlos Cambas fala da emigración entre a Galiza e a Arxentina no seu traballo.
photo_camera O pianista Juan Carlos Cambas fala da emigración entre a Galiza e a Arxentina no seu traballo. (Foto: Boyer & Sabatini)

—Como xorde A viaxe?
Cheguei ao Estado español en 2002 desde a Arxentina e ese percorrido, ao revés, fixérono os meus pais 50 anos atrás. Ela era galega, de Vilanoviña, e el asturiano, de Nieves; coñecéronse na Arxentina, formaron a súa familia e coas sucesivas crises no país decidiron volver, case cunha man diante e outra detrás para comezar de novo. Cando puiden retomar a música pareceume que a forma de sandar esa historia era facer un disco que falara desta cuestión. Ao final, todos os emigrantes galegos e doutros países que chegaron á Arxentina tamén foron embaixadores da súa cultura. Por exemplo, Portugal está presente polo noso tango e fado.

Cando veu a pandemia para min foi o momento de sentarme tranquilo a compilar e mesturar eses dez anos de materiais e pensar no formato final deste traballo. É unha caixa de viaxe que contén un pasaporte igual que o que tiña miña nai cando chegou á Arxentina e moitas das páxinas e selos están directamente sacadas del. Neste pasaporte, de 70 páxinas, tratei de contar anécdotas e mostras fotografías relacionadas co proceso de gravación. O fondo da caixa é un pasaxe antigo de barco e tamén hai unha fotografía antiga dos meus pais cando ela estaba embarazada no porto antigo de Bos Aires.

—É unha historia persoal, mais coa que moita xente pode verse identificada.
Exacto. Precisamente hai unha canción que se chama Pilar y Juan que conta a historia da familia e outra, El barco, que fala do punto de desconexión que había. A miña nai despedírona no porto de Vigo o seu pai e unha irmá. Non había internet, claro, había que tratarse por carta, e cando viñemos 50 anos despois Galiza estaba moi cambiada e os seus pais morreran estando ela alá. Non volveu velos. E esta é a historia de miles de emigrantes galegos, é a mesma historia repetida moitas veces.

O disco tamén ten un par de documentais e nun deles levei a miña nai ao punto exacto desde onde partiu, xunto ao monumento ao emigrante que hai alí. Son historias, tristes algunhas, mais co seu lado de nostalxia e de morriña. Hai un tema, El árbol que tú olvidaste, interpretada por Uxía e Suma Peza, que é unha peza orixinal de Atahualpa Yupanqui, músico e pensador arxentino que fala das raíces como a familia, amizades, lugares. E hai outro tema que aínda non saíu onde gravei o Adiós ríos, adiós fontes de Rosalía de Castro. En esencia, son a mesma canción, simplemente contadas en diferentes momentos e en lados opostos do Atlántico.

—Como chegan estas trinta artistas a colaborar nos distintos temas?
Este disco é dobre e esta que presento agora é só a primeira parte con 18 temas. Hai unha segunda parte co mesmo número de temas gravados, mais aínda non decidín como sairán. A idea conceptual deste disco é que cada tema é un porto e cada un dos artistas vai embarcando. Foron escollidos, non pola súa fama ou o seu recoñecemento, senón porque son a mellor forma de contar ese tema.

Por exemplo, eu buscaba un actor español que na Arxentina fora como noso para recitar Criollo, un poema que fala da idiosincrasia arxentina, de cando chegaron os españois, as mesturas que somos. Por iso escollín José Sacristán e, na segunda parte, estará a contraposición, Héctor Alterio.

Tamén hai o que eu chamo dúos atlánticos, por exemplo entre Kepa Junkera, un músico vasco gañador dun Grammy, e Nahuel Pennisi, arxentino tamén recoñecido con este galardón. Con todo este proceso de viaxar a distintos países, mesturar os arranxos e gravar cada tema levaba máis de seis meses, e todo financiado por min, xa que non teño unha gran produtora detrás. Seguindo con esta unión, á presentación virán como convidados João Afonso, Diego Alberto e Rosa Leiro.

Comentarios