O festival Ames Jazz chega a Bertamiráns con talento galego recoñecido a nivel internacional

Os días 4 e 5 de xullo o jazz envolverá o Concello de Ames con concertos de artistas da Galiza de sona internacional como Álvaro Vieito, Yago Vázquez e o dúo de Gloria Pavía e Rafa Morales.

Festival Ames Jazz de 2024. (Foto: Concello de Ames)
Festival Ames Jazz de 2024. (Foto: Concello de Ames)

O jazz volve un ano máis ao pazo da Peregrina coa celebración da oitava edición do Ames Jazz, unha iniciativa do departamento de Cultura que decorrerá entre a sexta feira 4 e o sábado 5 de xullo con entrada libre e gratuíta. Este festival ten percorrido desde o 2018, co fin de dar un espazo de actuación a grupos e artistas locais de sona internacional, como foron Pablo Castaño e Sumrrá na súa primeira edición.

Durante esta fin de semana, os días 4 e 5 de xullo, volverá soar a música no pazo da Peregrina. Nesta ocasión, o programa inclúe concertos dos artistas galegos de jazz recoñecidos a nivel internacional, Álvaro Vieito e Yago Vázquez, ambos en trío. A principal novidade desta edición será a incorporación na programación do sábado dunha sesión vermú, a cargo de Gloria Pavía e Rafa Morales e que decorrerá no local O Transistor. Ademais, pola tarde, terá lugar o faladoiro o faladoiro A situación do jazz e da música galega.

Así mesmo, volverase contar, un ano máis, cun servizo de barra de bar durante os dous días que se celebre o encontro musical. En caso de previsión meteorolóxica adversa, tanto os concertos como o faladoiro terán lugar no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.

O alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García, destaca que "Ames vai seguir apostando polo Jazz. A cultura é moi ampla, diversa e variada, polo que temos que dar a oportunidade aos veciños e veciñas do noso concello, e aos da contorna, de poder escoller e ofrecer alternativas para chegar a todos os públicos". Ademais, quixo resaltar que "pretendemos dar un paso máis e desestacionalizar o jazz ofrecendo propostas en diferentes épocas do ano e, sobre todo, poder saír aos colexios e achegar á mocidade este xénero musical".

A programación do festival

O festival dará comezo a sexta feira, día 4 de xullo, ás 22 horas, co concerto de Álvaro Vieito Trío, guitarrista galego afincado en Sevilla desde hai moitos anos e que, a día de hoxe, é todo un referente no mundo do Jazz dentro e fóra da Galiza, con traxectoria musical desde Pontevedra a Suecia e Nova York. O artista está a presentar o seu novo proxecto en formato de trío, acompañado dos músicos Juan Miguel Martín e Fernando Caro, no que o público poderá gozar dunha experiencia íntima.

A xornada do sábado comezará a partir das 13 horas, coa sesión vermú a cargo do dúo formado pola cantante Gloria Pavía e o baixista Rafa Morales, unha mistura que xera un diálogo entre os instrumentos que ofrece tanto momentos intimistas como intensos e que terá lugar no estabelecemento hostaleiro O Transistor. No seu concerto, interpretarán temas propios mais tamén versionarán outros temas clásicos baixo o seu selo persoal.

Xa pola tarde, ás 20 horas, haberá un faladoiro no que se debaterá e falará da situación actual do jazz e da música galega. Estará presentado pola xornalista Ana González, xornalista musical, e contará coa participación de Marta Gómez, xornalista especializada no sector cultural; Manuel Gutiérrez, pianista de Jazz, e Ánxeles Porto, propietaria do pub de jazz Borriquita de Belém, en Santiago de Compostela.

O Ames Jazz porá o seu fechamento final ás 22 horas co concerto de Yago Vázquez Trío, pianista vigués que actualmente reside en Nova York e que é un dos máximos representantes no mundo do jazz a nivel internacional. O artista está a presentar o seu novo proxecto, tamén en formato trío, xunto a Marcos Varela e Max Gómez, no que amosará ao público as súas últimas composicións. O seu ultimo disco, titulado Familia, foi seleccionado entre os 10 mellores discos do 2024 polo programa semanal Alt. Latino da cadea de NPR music.

Comentarios