Jazz, blues e música brasileira nunha nova edición do festival +QJazz

O encontro da Coruña comeza esta terza feira co Champian Fulton Quartet.
Champian Fultn en concerto. (Foto: Michel Piedallu)
Champian Fultn en concerto. (Foto: Michel Piedallu)

Esta terza feira comeza na Coruña unha nova edición do +QJazz, un festival que recolle a música de jazz a nivel estatal. A actuación inaugural celebrarase no Teatro Colón e a súa protagonista será o Champian Fulton Quartet.

Ao longo dunha semana, diferentes espazos emblemáticos da cidade como o Teatro Colón, o Jazz Filloa, o Garufa Club ou a Sala Mardi Gras converteranse en escenarios do evento.

Despois do cuarteto de Champian Fulton, pianista e vocalista estadounidense cunha ampla discografía, será a quenda de Marcel Pascual Quinteto. Desde Barcelona, o vibrafonista chega coa súa última proposta, Fluctuaciones, que presentará no Filloa o día 2 de xullo.

Na quinta feira, día 3, no Garufa Club, actuará o Carles Benavent Trío. Auténtica lenda do jazz flamenco, Benavent revolucionou o papel do baixo eléctrico coas súas colaboracións con Paco de Lucía, Miles Davis ou Chick Corea.

Eliades Ochoa estará o venres 4 no Teatro Colón. Un dos grandes embaixadores da música cubana, foi membro fundador do mítico Buena Vista Social Club, converténdose nun símbolo da identidade sonora de Cuba.

Turma Caipira, banda formada na Coruña en 2009, estará o sábado 5 no Garufa Club cun repertorio que percorre samba, bossa nova, baião e outras expresións sonoras do Brasil. 

O domingo 6 será a quenda de Quique Gómez & His Vipers na Sala Mardi Gras, unha banda considerada entre as mellores de blues e rhythm & blues de Europa.

Pechará o ciclo Rick Estrin & The Nightcats o día 8, na praza de Azcárraga. Trátase dunha banda estadounidense galardoada en múltiples ocasións nos Blues Music Awards por un estilo que mestura blues tradicional con swing, jump blues e rockabilly. 

Comentarios