James Rhodes saúda (e fotografa) Abel Caballero tras censurar as "poucas luces" do seu Goberno en cultura

O pianista británico está en Vigo, onde presentou o Concurso Internacional de Piano Cidade de Vigo.
Abel Caballero nunha fotografía tomada por James Rhodes durante o seu encontro en Vigo este sábado. (Foto: James Rhodes).
photo_camera Abel Caballero nunha fotografía tomada por James Rhodes durante o seu encontro en Vigo este sábado. (Foto: James Rhodes).

James Rhodes e Abel Caballero mantiveron un encontro este mediodía na cidade Olívica tal e como estaba previsto. Figuraba na axenda do Alcalde e anunciárao en público a noite anterior o propio pianista.

Xuntáronse no café Vitruvia, na Praza de Compostela, onde o rexedor vigués saudou en inglés o artista británico encargado de presentar na noitiña desta sexta feira o VII Concurso Internacional de Piano Cidade de Vigo.

O encontro produciuse após a críticas de Rhodes a Caballero durante o evento cultural ao que o alcalde non acudiu. A súa ausencia non pasou desapercibida para o presentador da gala, quen xustificou a falta do rexedor cun "supoño que non hai suficiente prensa nin fotógrafos aquí".

Máis cultura

Nun discurso que ofreceu en castelán após desculparse polo seu baixo dominio do galego, James Rhodes reflexionou sobre a situación da cultura, que reivindicou en todas as súas formas, fronte á proliferación do entretemento ao que cada vez se lle presta máis atención.

O pianista reivindicou "os idiomas, a escrita, a arte, a arquitectura"; cousas que nos permiten experimentar "el duende", dixo, e que concursos como o que veu presentar a Vigo logran, "tirando luz sobre as mellores partes do que a humanidade é capaz de facer".

Móstranos que ese orgullo tamén se estende á música e á cultura

A Galiza, en xeral, e Vigo, en particular, "non se aliñan con estes valores", criticou antes de dirixir o seu discurso a Abel Caballero. Na súa "ausencia" gabou o "orgullo xusto" que expresa acotío pola súa cidade. Mais engadiu: "Móstranos que ese orgullo tamén se estende á música e á cultura".

A sabendas da súa cita co rexedor na mañá seguinte, entre bromas, optou por "calar" malia a "rabia" que dixo sentir, ao tempo que prometeu trasladarlle as súas inquedanzas en persoa. 

Menos luces

Rhodes xa criticara nas súas redes sociais o escaso orzamento co que conta o Concurso Internacional de Piano Cidade de Vigo: "Cabe destacar que este incrible, internacional e culturalmente fascinante evento (que incluíu a Martha Argerich como xurado) recibe un orzamento significativamente inferior ao 1% do das luces de Nadal. Quizais o ano que vén Abel caballero, a quen admiro moito, podería axudar máis", escribiu en galego o pasado 19 de abril.

Quizais o ano que vén Abel caballero, a quen admiro moito, podería axudar máis

Ante o público en Vigo rememorou esa comparativa cun xogo de palabras que o levou a destacar as moitas "luces de Nadal" de Vigo fronte as poucas que se vén "na cultura".

As críticas de Rhodes non gustaron á representante do Concello no, Ana Mejías, quen  desculpou a ausencia do alcalde alegando esgotamento pola apertada axenda. Con todo, o propio Caballero compartiu nas súas redes imaxes da actuación da orquestra París de Noia en Balaídos, coincidindo coa presenza de Rhodes no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Visibelmente irritada, ao rematar o acto negouse a facer entrega dun agasallo ao presentador, que deixaron "nunha bolsa no chan xunto ao atril diante de dúas figuras internacionais do piano", confirmou a Nós Diario o público asistente.

Comentarios