Jacobo Mouriño, de 'Rouco Son': "Tentamos dar un espazo especial ás bandas que empregan o galego na súa música"

Dende hai pouco máis de tres meses, a escena musical do rock na Galiza conta cun novo medio de difusión: a revista Rouco Son. Dirixida por Javier Carnota e con Jacobo Mouriño como coordinador de contidos, o proxecto conta cunha edición dixital e física, da cal xa se editaron seis números. 
DIOIVO 1
photo_camera Mouriño tamén é integrante dos grupos Dioivo e Mileth. (Foto: Jacobo Mouriño)

Como nace esta iniciativa?

Eu son músico e participo na escena rock en Galiza. Ademais, estou traballando para a empresa Libre Expresión de Medios, que edita outros xornais mensuais, sobre todo de información local. Entón, conversando co director, xurdiu a idea de facer unha revista sobre rock en Galiza e en galego, xa que sempre tentamos que as nosas publicacións empreguen a lingua galega. 

Entre os dous montamos esta pequena iniciativa e penso que si que se notaba que a xente botaba en falta que se falase especificamente da escena musical, sobre todo do rock, en galego. Si que é certo que hai medios que teñen seccións de cultura moi boas, pero non tan especializados. Hai pequenas web que quizais se centraban máis neste ámbito, pero non o fan en galego e tampouco poñendo o foco nos grupos da Galiza. Foi aí onde vimos un oco que se podía cubrir.

Sobre que obxectivos se asenta esta proposta?

Sobre todo, promover a música rock feita en Galiza e, especialmente, as bandas galegas emerxentes, que son ao fin e ao cabo as que crean escena de verdade. Os grupos grandes son os que teñen maior repercusión, mais son as bandas de cada vila as que están cada semana ofrecendo concertos, as que lle dan pulo á vida cultural deste país e as que tamén precisan  un maior apoio.

Por outra banda, facelo en galego. Hai bastantes grupos que empregan a lingua galega no seu quefacer habitual, pero quizais non era tan visíbel. Relacionado con isto, tentamos darlle un espazo especial ás bandas que empregan o galego na súa música. Non soamente falamos de bandas que utilicen unicamente o galego, porque por desgraza non son a maioría, pero si que procuramos impulsar a aquelas que cantan no noso idioma. Sobre todo, en xéneros como o rock, o punk ou o metal, que están moi vencellados ao inglés ou ao castelán, pero onde tamén podemos atopar grandes grupos que cantan en galego.

Que tipo de contidos podemos atopar na revista?  

Facemos reportaxes sobre bandas, promotores, salas, proxectos relacionados coa música... Darlle voz ao que é o conxunto da escena. Logo tamén incluímos entrevistas, recensión de discos, actualidade na medida do posible, axenda, etc.

Dentro desas reportaxes que facemos, teñen un peso especial aquelas relacionadas coa historia do rock na Galiza. Centrámonos na actualidade, pero tamén temos uns precursores dunha gran calidade que quizais non son tan coñecidos como deberían. Algunhas reportaxes versan sobre a historia do metal, do rock progresivo que se facía na Galiza nos anos 70, etc. É algo que suscita moito interese, porque aínda que as bandas sexan coñecidas, non hai unha recompilación sistemática de toda elas que conte a súa historia. É o que procuramos facer, porque realmente é inabarcable e hai moitísimo máis contido do que se pensa.

De onde o nome de 'Rouco Son'?

Pareceunos que iso do rouco son, que precisamente no himno galego fai referencia ao son dos galegos ao falar, tamén se pode relacionar co son da música rock e metal. É certo que collín un pouco a idea dun documental que se chama Escuros, Roncos e Acompasados, de Luis Froiz, que trata sobre o death metal feito en Galiza nos anos 90. Gustoume esa idea de roucos, relacionado co galego, pero tamén con este tipo de música.

Como está a ser a acollida do proxecto?

O rock en Galiza é un mundo máis nicho, que conta con persoas que lle dedican moito tempo, que crean moitos contidos e novos proxectos. Quizais non é moita xente numericamente, pero si son persoas moi implicadas. Non ten un público moi extenso, pero a ese que lle chega dá moito apoio e difusión aos contidos. Ten esa dualidade, de ser moi concreto, pero ao mesmo tempo responder moi ben.

Comentarios