Jacobo Mouriño e Dani Valladares: "Dioivo é unha continuación de Rust in Peace en moitos sentidos e co novo álbum queda claro"
—Este ano celebran unha década como Dioivo e 15 anos desde a fundación da formación predecesora, Rust in Peace, como foi evolucionando o son?
Dani Valladares: Fundei Rust in Peace en 2011, xunto a Darcy Maestu Ham, Pablo López Figueroa e Fernando Rodríguez, cando tiñamos entre 15 e 16 anos. A nosa intención era xuntarnos e pasalo ben tocando thrash metal. Faciamos un estilo bastante clásico dentro do que é o xénero. Até 2016, que foi cando fundamos Dioivo, seguimos interpretando ese tipo de música. Coa nova formación empezamos a facer black metal melódico. Ao longo destes anos xa publicamos tres álbums, ao principio a nosa música era máis ortodoxa, pero a medida que foi pasando o tempo fomos incorporando novas influencias e este ano decidimos resucitar as cancións que tocabamos de adolescentes, para darlles unha segunda vida e gravalas en boas condicións, con calidade.
—Como foi o proceso de recuperación de cancións de Rust in Peace para este novo álbum?
Jacobo Mouriño: Son cancións moi especiais para nós, nunca as esquecemos, de feito adoitabamos tocalas durante os nosos ensaios. Sempre tivemos a idea de gravalas ben, nun estudio en condicións.
Despois de publicar Cara os Ceios Incrementes, o noso anterior álbum, pensamos que sería boa idea revivir os temas de Rust in Peace xunto ao resto de integrantes. Recuperar as cancións non foi nada difícil, o complicado foi pórnos de acordo para gravalas e conseguir facer concertos xuntos.
—Durante esta fase, pensaron nalgún momento en revivir o grupo?
D.V.: Non, a nosa vida mudou moito, os membros que tocaron no grupo daquela teñen agora outros proxectos e circunstancias vitais. Ademais Jacobo e eu estamos moi contentos co formato de dúo, funciona ben así.
J.M.: Dioivo é unha continuación de Rust in Peace en moitos sentidos e con este álbum queda claro. Defendemos moito este legado, pero tendo Dioivo non é necesario volver a aquela época.
—Cales son as principais temáticas que tratan no novo álbum?
J.M.: As cancións foron escritas por Darcy, a baixista de Rust in Peace, hai 15 anos. Son temas de adolescentes e reflicten a carraxe que se ten nesa etapa vital. As letras estaban en inglés e tiñamos claro que queriamos traducilas ao galego, pero non sabiamos se readaptalas ou non.
Finalmente, decidimos que queriamos manter a esencia adolescente dos temas. Ao final son os mesmos temas que traballamos con Dioivo, sociais e reivindicativos, pero nótase ese toque edgy adolescente que quixemos manter.
—Que acollida tivo por agora Que soe o trono?
J.M.: Estamos moi contentos. Somos unha banda subterránea, pero dentro do noso ambiente a acollida está sendo moi boa, á xente parece que lle gusta.
—Que directos teñen programados con este novo proxecto?
D.V.: Temos agora unha presentación pendente en Vigo, o 13 de xuño no Pub Transylvania, co grupo de Dios e con From Ashes To Dust. Ao ser un grupo pequeno supón moito esforzo conseguir datas.