Interrogando as pedras do Castro Valente, o terceiro elemento fortificado máis grande da Galiza

O Castro Valente, un recinto fortificado situado no cumio do monte homónimo en Padrón, na beira sur do río Ulla, constitúe o terceiro elemento desta índole máis grande do terrotorio galego. Con todo, é un deses xigantes descoñecidos que o proxecto Castelos no aire trata de comprender mellor, cunha escavación durante esta semana. 
Muralla do Castro Valente, en Padrón, coñecida pola veciñanza como A Cerca. (Foto: Castelos no aire)
photo_camera Muralla do Castro Valente, en Padrón, coñecida pola veciñanza como A Cerca. (Foto: Castelos no aire)

Un grupo de investigadoras do proxecto Castelos no aire e do grupo Síncrisis da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Compostela, dirixidas por Mario Fernández-Pereiro, en colaboración coa empresa Tempos Arqueólogos realizan esta semana unha campaña no Castro Valente, Padrón. A intervención deu comezo onte e explorará un deses xigantes fortificados descoñecidos.

"É o terceiro elemento fortificado máis grande que se conserva agora mesmo na Galiza, xusto por baixo da Mullara de Lugo e dun xacemento seguramente contemporáneo que está no monte Aloia, ao carón de Tui", explica Fernández-Pereiro a Nós Diario. A monumentalidade chama a atención -"estamos falando de 11 hectáreas fortificadas"-, porén, non existe practicamente información sobre este xacemento.

"Eu comecei a traballar nel na miña tese de doutoramento, facendo prospeccións de campo e intentando desenvolver unha perimetría do lugar", di Fernández Ferreiro. Foi así que atoparon tellas de época romana. Falando con Manuel Gago, o investigador atopou referencias do século XIX no que se describía o lugar cunhas trinta torres, varias portas... "Estaba moi ben conservado hai 100 anos", resume.

A dinámica do xacemento encaixa nun proxecto de investigación máis amplo que xa levou a Fernández-Pereiro a traballar noutros lugares, como Valencia do Sil (Valdeorras) este mesmo ano. O que conecta estas fortificacións é o estudo da transición do Imperio Romano á Alta Idade Media, un período de turbulencias no que chegan os pobos xermánicos.

Neste contexto, Fernández-Pereiro enténdeas como a "pegada construtiva das comunidades locais da Gallaecia do momento, dirixidas por esas elites, para ver como se vai solucionando a súa vida". Serían puntos de defensa e control de zonas, refuxios temporais para a poboación... Mais todo isto son hipóteses, pois este aínda é "o cuarto xacemento que se escava desta época na Galiza".

A escavación no Castro Valente súmase a outras similares no Faro de Budiño (O Porriño) ou no Castelo de Portomeiro (Val do Dubra), nos que se conseguiu "documentar dúas fases diferenciadas de ocupación e novos datos sobre a produción cerámica altomedieval", di José Carlos Sánchez-Pardo.

A intervención

É a primeira se fai unha campaña no Castro Valente, se ben vai ser ínfima considerando as dimensións do monumental sitio. Tendo isto en conta, "é moi difícil ir a tiro fixo", admite o arqueólogo. A zona noroeste é a mellor conservada, polo que escolleron esa parte. "As acacias marcan o límite da muralla perfectamente", di o director.

Os traballos inclúen un par de sondaxes para explorar a técnica construtiva ou a cronoloxía, entre outros aspectos. Farán tamén "probas de Carbono-14, se somos capaces de recuperar algo datábel". Aliás, atoparon preto dous potenciais puntos que semellan restos de estruturas, nos que farán sondaxes exploratorias de 3 por 3 metros. Este sería o primeiro paso dunha intervención máis grande.

Conservación da muralla

A muralla, coñecida como ‘A Cerca’ pola veciñanza das parroquias próximas, atópase "nalgúns puntos moi ben conservada, con case un metro ou metro e medio de altura, mentres que noutros está bastante arrasada por pistas forestais".

Na parte oriental impacta á vista a presenza dun cortalumes que a arrasou case por completo. De facto, o equipo estaba presente na zona cando se reabriu a devasa, algo que se fai cada cinco ou seis anos.

Traballaban na outra punta do Castro Valente e escoitaban máquinas, sen darlle importancia. Ao día seguinte, cando chegaron á área, viron a desfeita. Aínda que puxeron unha denuncia, foi sobresida por falta de probas, conta o investigador.

Alén desta, outras pistas máis pequenas destruíron partes localizadas da muralla. Con todo, o peor problema de conservación é a nivel vexetativo. Por unha banda, toda a superficie intramuros está cuberta principalmente por unha plantación de piñeiros que rebrotou logo de ter ardido. Pola outra, o monte está "infestado de acacias", o que supón "unha invasión brutal" e ofrece ademais problemas coas raíces.

"Parece ser que as introduciu un garda forestal hai tempo, porque lle parecían bonitas", relata Fernández-Ferreiro. Como calquera xacemento entre 1.000 e 1.500 anos (hipoteticamente) acusa tamén consecuencias do abandono e espolio de pedras para facer casas.

Castelos no aire

Botar adiante un proxecto coma este non é doado. Castelos no aire finánciase grazas a unha bolsa da Deputación da Coruña, outorgada a Fernández-Pereiro. Para esta escavación contan ademais coa colaboración do proxecto "Territorio e Poder Monástico na Idade Media. Unha aproximación comparativa", liderado por José Carlos Sánchez-Pardo e financiado pola Consellaría de Cultura. Igualmente, o director da intervención destaca o apoio das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Castro Valente, Barreiras, Morono e Bandín; e do Concello de Padrón.

Comentarios