Cultura

O xacemento de Valencia do Sil nas investigacións de xénero

O grupo Sputnik Labrego vén de entregar na Dirección Xeral de Patrimonio a memoria interpretativa que detalla os resultados da escavación no xacemento do Castelo, en Valencia do Sil (Valdeorras), durante setembro de 2019. Os datos confirman a relevancia dun asentamento que se sitúa cronoloxicamente entre o século VI e V, e os achados abren novas vías de traballo, como a posíbel reactivación da minaría nesa época de ocupación. Nós Diario conversa con Celtia Rodríguez, codirectora da intervención, que centra a súa investigación nas relacións de xénero na época romana.
Sector doméstico do xacemento de Valencia do Sil (Sputnik Labrego).
photo_camera Sector doméstico do xacemento de Valencia do Sil (Sputnik Labrego).

O grupo Sputnik Labrego leva xa tres anos traballando no xacemento do Castelo, en Valencia do Sil. En 2017 comezaron coas prospeccións nun lugar que "apuntaba a ser estratéxico pola súa localización", di Celtia Rodríguez, codirectora da escavación. Así o vaticinaban a proximidade do río, que "na época tardoantiga e altomedieval debeu ter grande importancia", ou a vila romana da Cigarrosa, escavada por un grupo afeccionado nos anos 70, á parte doutros xacementos próximos.Visitas ao xacemento de Valencia do Sil.

"Grazas ás análises derivadas do voo dron e dos datos xa existentes puidemos calcular que durante a ocupación do xacemento viviron ao mesmo tempo unhas 150 ou 200 persoas", afirma Carlos Tejerizo, director do proxecto Sputnik Labrego.

A primeira intervención no Castelo foi en 2019, coa pretensión de darlle unha cronoloxía a Valencia do Sil. O grupo especulaba, a partir da análise dalgúns materiais, que os restos corresponderían ao século IV ou V. "A mellor solución para saír de dúbidas era empregar a arqueoloxía e os métodos que agora nos proporcionan os laboratorios de carbono-14", explica Rodríguez.

A intervención, a finais de setembro do pasado ano, centrouse nun sector chamado Casa Romana, coa ampliación dunha zanxa xa escavada de maneira amadora. Estes traballos espertaron grande expectación entre a veciñanza, que se achegou á área con curiosidade por ver que sacaban da terra, imbuída desa "idea da arqueoloxía romántica do obxecto", comenta Rodríguez.

Os achados foron "sinxelos", pois era unha cata pequena que abordaron en menos dunha semana, mais cunha profundidade "potente". Os materiais cerámicos e metálicos recollidos, ademais de ósos, parecen confirmar a hipótese cronolóxica, sobre todo ante a presenza de pezas moi características da meseta que apuntan aos obradoiros de Burgos do século IV e V.

Estes traballos espertaron grande expectación entre a veciñanza, que se achegou á área con curiosidade por ver que sacaban da terra, imbuída desa "idea da arqueoloxía romántica do obxecto", comenta Rodríguez

Igualmente, as mostras enviadas ao laboratorio de Miami, para a datación por carbono de diferentes unidades estratigráficas reafirman a teoría. "Aí o foco de atención xa se puxo en que este sitio puido ser bastante relevante", explica Rodríguez. Para alén do máis, no solo de ocupación apareceu moito mineral asociado ao ferro, o que fai sospeitar "que puido haber unha reactivación da minaría neses lugares na época, no momento en que se ocupa ou reocupa o castro, pois aínda non sabemos se hai asentamentos anteriores", afirma a arqueóloga.

Futuras intervencións

Os resultados foron bastante determinantes, á agarda das últimas análises que revelarían datos sobre cuestións como os cultivos ou a alimentación. Porén, a proposta de Sputnik Labrego pasa por continuar os traballos no lugar, para o que conseguiron sacar adiante un acordo entre a Universidade de Santiago de Compostela e o concello de Vilamartín de Valdeorras, no que se vencellan as prácticas do estudantado do mestrado de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade co asentamento de Valencia do Sil.

No próximo setembro contan con coller de novo os apeiros de escavación, co obxectivo de obter máis información de como era a sociedade do asentamento. "Nesta intervención propomos facer tres catas", explica Rodríguez. A primeira estaría na croa, denominación da área superior do castro, encamiñada a detectar se existiu ou non ocupación anterior ao século IV, na Idade de Ferro. "Normalmente, as ocupacións máis antigas están na parte máis alta", explica. Logo seguirán coa sondaxe comezada en 2019, ampliando o espazo.Equipa escavación do Sputnik Labrego en Valencia do Sil

Aínda que as primeiras hipóteses sinalan a unha zona de produción, hai unha terceira área, na parte norte do asentamento, que semella ser habitacional, cunha ou dúas casas moi grandes. Desde Sputnik Labrego queren darlle estratigrafía para descubrir "que traballos facían, como vivían e dotar dunha cronoloxía fixa" o xacemento, xa que as escavacións amadoras mencionadas, previas á Lei de patrimonio, non contemplaban este método científico que se asentou nos anos 90.

Ademais, teñen outros proxectos por Valdeorras, como o de Casaio, que se viu paralizado por mor da alerta sanitaria. Neste lugar, alén do máis coñecido traballo arredor da resistencia guerrilleira no monte, atoparon pinturas rupestres que datarían do calolítico, a Idade do Cobre.

As presenza das mulleres

A escavación de Valencia do Sil enmárcase para Rodríguez na súa investigación das relacións de xénero a finais da época romana. "A tradición dixo que as mulleres sempre fixeron actividades vencelladas coa casa (cociña, alimentación, coidados...). Eu penso que non tivo por que ser así", declara.

"A tradición dixo que as mulleres sempre fixeron actividades vencelladas coa casa (cociña, alimentación, coidados...). Eu penso que non tivo por que ser así", declara Rodríguez

O problema é que todas esas cousas "foron esquecidas, non hai historia das actividades asociadas a elas". Rodríguez analiza, desde un plano reivindicativo, estas actividades, denominadas "de mantemento", centrándose tamén nas que transcorren fóra do lar, porque "as mulleres tamén estiveron aquí".

"Valencia do Sil é un caso moi interesante porque ten unha zona habitacional xunto a outra de produción", di Rodríguez. Na segunda atoparon pondos [un tipo de vasilla], que abren incógnitas sobre o carácter multifuncional da área. Mais cómpre seguir escavando para tirar conclusións en firme.

Comentarios