sábado 24/07/21

Unha instalación sonora lembra en Vigo o Laxeiro máis irreverente

25º aniversario da morte de José Otero Abeledo
Laxeiro en Bos Aires, en 1970. (Foto: Fundación Laxeiro)
Laxeiro en Bos Aires, en 1970. (Foto: Fundación Laxeiro)

Esta sexta feira, na Fundación Laxeiro de Vigo, ás 18 horas, inaugúrase a instalación sonora coa que o Colectivo NEG (Misha Bies Golas, Alejandra Pombo Su, Jorge Varela e Diego Vites) propón, co gallo do 25º aniversario do pasamento do artista, un achegamento á figura de José Otero Abeledo 'Laxeiro' a partir dun texto que o propio autor pronunciou en 1978, na Galería Torques de Santiago de Compostela. A instalación. realizada expresamente para a Fundación Laxeiro, reivindica a faceta máis irreverente e provocadora do artista, unha actitude que definiu a súa relación co sistema da arte durante toda a súa traxectoria.

Con esta exposición, a Fundación Laxeiro conmemora aniversario do pasamento do pintor, incidindo nunha das constantes da súa figura, a defensa radical da súa independencia como artista, para lembralo dunha forma que manteña viva a súa memoria, isto é, convidando a artistas do momento a reflexionar sobre Laxeiro, retomando nesta ocasión a relación da Fundación coa música contemporánea, materializada no festival internacional que organizou durante sete anos.

A colaboración con Vertixe Sonora retoma este compromiso que, no futuro, se materializará noutros proxectos.

O título da exposición Recordoleterlorintorel fai alusión ao currículo que ideou Laxeiro para a súa exposición na Galería Torques, na que, con palabras inventadas, fai unha crítica sarcástica á configuración do sistema da arte. 

O Colectivo NEG sérvese desta acción de Laxeiro para chamar a atención sobre a falta de sintonía, que con frecuencia se dá, entre o mundo da creación artística e o sistema no que se insire, unha circunstancia que semella non ter cambiado na actualidade.

A partir desta idea, NEG propón unha instalación sonora na que as palabras de Laxeiro van superpoñéndose até conformar unha peza sonora indescifrábel, como indescifrábel é tamén o discurso orixinal, formado por palabras inventadas para parodiar os seus méritos como pintor, en forma de currículo absurdo. E absurdo era para el todo o aspecto administrativo que inevitabelmente acompaña a traxectoria profesional dos e das artistas, para conseguir ser tidos en conta no ámbito da crítica, o comisariado e a historiografía da arte

Recordoleterlorintorel preséntase así como un berro co que reivindicar o proceso da creación artística en si mesmo, independente do sistema da arte que funciona como mecanismo de lexitimación das prácticas artísticas individuais, alleo moitas veces, ás circunstancias nas que cada artista constrúe a súa obra.

comentarios