sábado 24/07/21

O Museo de Lugo e Lalín lembran o pintor Laxeiro

No 25º cabodano do seu pasamento
Laxeiro nunha imaxe de 1970. (Foto: Arquivo Fundación Laxeiro) #laxeiro #pintor #arte #cabodano
Laxeiro nunha imaxe de 1970. (Foto: Arquivo Fundación Laxeiro)

O Museo Provincial de Lugo, a través do seu programa Acordanzas, lembra o pintor José Otero Abeledo, "Laxeiro", de quen o 21 de xullo do presente ano se fan 25 anos da súa morte.

Desde 1980 o centro conserva catro obras do autor que foron adquiridas nese ano á Galería Citania de Santiago de Compostela. Trátase de catro debuxos sobre papel executados con distintas técnicas que aproximan ao seu singular mundo creativo e que permiten apreciar algunhas das súas principais características.

Obras de madurez

As catro obras son pezas de madurez, e pertencen probabelmente aos seus traballos de finais dos anos 60 e a década dos 70. 

Os debuxos de Laxeiro do Museo de Lugo son significativos e orientativos de parte da súa produción e evidencian unha personalidade creativa extraordinaria, versátil e intuitiva. Non permiten valorar a magnitude do pintor, pero convidan a profundar no personaxe e a súa obra.

Homenaxe en Lalín

Por outra banda, o Concello de Lalín homenaxeou este mércores a Laxeiro cunha serie de actos nos que participaron o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galiza, Anxo M. Lorenzo, e o presidente do Parlamento de Galiza, Miguel Ángel Santalices.

O representante da Consellería de Cultura lembrou que o Goberno galego "traballa nunha ampla programación que sirva para pór en valor a figura de Laxeiro con motivo do Día das Artes Galegas 2022, dedicado ao pintor.

Santalices, pola súa banda, indicou que "Laxeiro era unha persoa e un artista paradigmático, honesto consigo mesmo, adiantado ao seu tempo, cosmopolita e de mentalidade aberta, como corresponde aos grandes creadores", e apuntou que ese cosmopolitismo non lle impediu "facer gala da súa condición de galego, co galeguismo como ideario persoal". 

Na homenaxe inaugurouse unha mostra no museo Ramón Mª Aller, que inclúe obra do artista e os 'Cabezudos de Laxeiro', figuras inspiradas nunha obra do pintor realizadas pola artista local Luchi Iglesias. Os actos completáronse cunha ofrenda floral ao pé do panteón do pintor no cemiterio da Romea. 
A programación continuará os vindeiros días 24 e 25 con pasarrúas teatralizados a cargo dos 'Cabezudos de Laxeiro', que desfilarán por distintos espazos do centro urbano.

comentarios