As Artes Galegas renderán homenaxe a Laxeiro en 2022

A Real Academia Galega de Belas Artes decidiu, por aclamación, agasallar ao longo de 2022 e, en especial, o Día das Artes Galegas, 1 de abril, a José Otero Abeledo, Laxeiro (Lalín, 1908 - Vigo, 1996).
'Os deuses', 1970. Colección permanente Fundación Laxeiro, Vigo.
photo_camera 'Os deuses', 1970. Colección permanente Fundación Laxeiro, Vigo.

A proposta, subscrita por académicos e varios colectivos culturais da Galiza, saíu adiante por aclamación, segundo informa a Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) que este sábado, 26 de xuño, se reuniu en Sesión Ordinaria no Salón de Actos do Museo de Belas Artes da Coruña.

Renovación e compromiso

A escolla de José Otero Abeledo, Laxeiro, salienta, busca "profundar e difundir" a súa figura, decisiva para "o desenvolvemento e difusión da arte galega no século XX, cuxa obra moderna e renovadora estivo sempre comprometida coa realidade do contexto sociocultural do seu tempo".

A iniciativa da celebración do Día das Artes Galegas, cada 1 de abril, naceu da RAGBA no ano 2015. Na súa primeira edición festexou o Mestre Mateo, quen nesa data do 1188 dirixiu a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria na catedral compostelá, segundo consta nos mesmos. Na pasada edición 2020-2021 a figura homenaxeada foi o arquitecto barroco Domingo de Andrade.

En 2008, artistas, intelectuais e políticos homenaxearan o pintor con motivo do centenario do seu nacemento na súa terra natal. Naquela altura reclamaran para a "obra indiscutíbel" de Laxeiro "o lugar que merece" no ámbito da cultura galega, estatal e universal. Mesmo chegaran a propoñer a declaración do 23-F, data do seu nacemento, como Día da Arte Galega. A iniciativa non prosperou, mais a idea callou anos mais tarde no primeiro de abril.

O próximo 21 de xullo conmemorase o 25 aniversario do seu pasamento.

Académico de honra

O plenario da Academia Galega de Belas Artes resolveu, ademais, conceder ao pintor, escultor e gravador Jesús Núñez Fernández (Betanzos, 1927), o título de académico de Honra da Corporación.

Jesús Núñez estudou gravado na Escola de Belas Artes de San Fernando e na Escola Nacional de Artes Gráficas, en Madrid, ampliando seguidamente os seus estudos en Berlín e París.

A súa obra abarca practicamente todas as técnicas do gravado, así como a pintura, a escultura, o deseño téxtil e de xoias, e mesmo o deseño de mobiliario, atopándose representado nos principais museos nacionais de arte contemporánea.

Creou e impulsou o Centro Internacional da Estampa Contemporánea na súa localidade natal que en 1997 converteuse nunha importante fundación dedicada ao ensino e divulgación das técnicas artísticas, que recibe a artistas e profesores dos cinco continentes.

Comentarios