Contracultura

Inma Otero: "O mito do matriarcado en moitas ocasións existía para camuflar o machismo na narrativa"

Inma Otero, filóloga e mestra, conversa con Nós Diario sobre a súa última obra publicada, A materialidade das fillas de Lupa (Xerais), onde reflexiona sobre as personaxes femininas como obxectos da realidade. Otero fala das características que definen estas figuras, dos seus conflitos e de, como ela di, “volver á pregunta filosófica: que é ser muller?”. 
A filóloga, mestra e escritora Inma Otero. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A filóloga, mestra e escritora Inma Otero. (Foto: Nós Diario)

Cal é a necesidade a cubrir con A materialidade das fillas de Lupa?

Constatei que unha das características fundamentais da narrativa a partir do ano 2000 eran as protagonistas femininas e intereseime polos seus trazos. Isto cruzouse cun novo marco teórico ou xiro filosófico cara ao realismo. A literatura sempre foi vista como representación e poucas veces como un obxecto da realidade. 

É dicir, unha vez que está escrita é un obxecto dificilmente modificábel como unha mazá ou un ser humano, e así o son as protagonistas. Madame Bovary, unha vez escrita e rexistrada como elemento da realidade, tampouco pode ser modificada. Isto implicaba preguntarse que significa ser en feminino e volver á pregunta filosófica: que é ser muller? 

Así, escribín primeiro O obxecto muller e o xiro ontolóxico (Eusenio? Editores), porque non podía avanzar e pescudar en como estaban feitas as personaxes sen saber antes que era ser en feminino, mais os dous fóronse facendo en paralelo.
 
Cales son esas características que definen as personaxes?

A principal é o feito de marcalas como un obxecto en conflito simplemente por ter esa marca de xénero. Moitas das protagonistas aparecen fragmentadas polo que implica a educación social e intentan reconstruírse. Outras, fan do “defecto” a virtude e constrúense como obxectos reivindicativos cunha personalidade moi marcada. Isto é especialmente importante para a literatura, porque é o conflito o que nos interesa. 

Unha personaxe sen arestas sería un obxecto para a felicidade, mais non habería progresión narrativa. O feminismo desde logo é unha das propiedades que marca moitas destas personaxes. Algunhas delas decláranse abertamente feministas e aí está parte do seu conflito.

Outras, aínda que non o declaran ou dinse anti feministas tamén están marcadas por esa propiedade, posto que se reconstrúen no medio dese discurso social. A cousificación tamén é unha propiedade común: mulleres traballadoras desprezadas, mal pagadas e un corpo taxado, así como o aspecto físico. Aparecen moitos espellos porque saben que a imaxe que reflicten ten un prezo no mercado laboral, inclusive nas redes sociais cando falamos de it girls, un termo que xa di moito. 

Hai diferenzas segundo o xénero de quen escriba as personaxes?

Non quixen centrarme tanto na cuestión, que daría para un libro á parte, mais moitas veces os homes prefiren unha imaxe máis mitificada, inclusive para facer denuncia, e aparecen figuras como a da prostituta vista desde o paternalismo.

A figura da nai idealizada tamén é común, así como a relación de personaxes femininas e nación, unha apropiación un pouco sentimental do que é ser muller na Galiza. As mulleres polo xeral rexeitan isto, probabelmente porque o mito do matriarcado en moitas ocasións só existía para camuflar o machismo que aínda seguía existindo. Un tipo de personaxe que hai moito nas obras de autoras é a das artistas e creo que ten que ver co contacto coa creación. Os artistas crean e as mulleres tamén teñen que crearse a si mesmas constantemente, emerxer. 

Quizais tamén porque a muller artista é unha afeccionada mentres que nos homes é unha profesión.

Exactamente. Mulleres artistas que intentan ser un espello das autoras, desdobrándose nese xogo da persoa real e a imaxe pública que hai da escritora. Que moitas veces tamén é avaliada con criterios que non se aplican nunca aos homes, como a categoría de literatura de muller como un caixón de xastre ao que van parar escriban o que escriban. É interesante esta autoreferencialidade porque fala da dupla dimensión: a muller nas súas relacións con parentes, fillos e demais e a muller escritora como un obxecto social distinto.  

Comentarios