Improvisación no CGAC cos 'Concertos en Construción'

O CGAC programará, entre xaneiro e maio, este proxecto innovador que busca achegar a música contemporánea e de vangarda a todos os públicos.
Orquestra Galega de Liberación. (Foto: Ivan Barreiro)
photo_camera Orquestra Galega de Liberación. (Foto: Iván Barreiro)

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o Ensemble Liberdade veñen de presentar o ciclo Concertos en construción cunha residencia musical arredor da idea de construción e da creación musical en tempo real a través de actuacións abertas e de concertos didácticos. 

O CGAC programará, entre xaneiro e maio, este proxecto innovador que busca achegar a música contemporánea e de vangarda a todos os públicos, para dar testemuño das infinitas vías que esta disciplina posibilita, partindo da improvisación como materia prima e usando técnicas de vangarda como o soundpainting -unha técnica universal de signos para compoñer en tempo real.

O ciclo comezará con dous concertos abertos ao público, o 23 de xaneiro e o 6 de febreiro,  e rematará cunha serie de concertos didácticos para público infantil e adulto os días 13 e 14 de maio.

Ensemble Liberdade

Este ciclo será protagonizado polo Ensemble Liberdade, que nace como un formato reducido da Orquestra Galega de Liberación, para profundar aínda máis na liña de traballo desta. O Ensemble Liberdade usa técnicas de vangarda como o sound painting e usa a improvisación como materia prima e busca novos contextos nos que deconstruír os usos compositivos máis frecuentes. 

Elena Vázquez, violín; María José Pámpano, viola; Macarena Montesinos, violoncello; Saúl Puga, contrabaixo; Diego Alonso, saxo soprano; Xosé Miguélez, saxo tenor e gaita galega; Javier Pereiro, trompeta; LAR Legido, batería e percusións; e Xacobe Martínez Antelo, dirección son os integrantes do grupo de cámara composto por un cuarteto de corda e un trío de ventos ademais da percusión.

Comentarios