Helena Girón: "O filme xorde da necesidade de pensar como nos relacionamos con referentes históricos"

O filme Eles transportan a morte, de Helena Girón e Samuel M, Delgado, suma un novo recoñecemento. Logo de lograr unha mención especial na sección Zabaltegui-Tabakaler do Festival Internacional de Cine de Donostia, fíxose tamén co premio á mellor longametraxe do festival Novos Cinemas de Pontevedra. Entrevistamos a súa directora, Helena Girón.
Helena Girón tamén dirixiu xunto a Samuel M. Delgado 'Irmandade' e 'Plus Ultra'. (Foto: Helena Girón)
photo_camera Helena Girón tamén dirixiu xunto a Samuel M. Delgado 'Irmandade' e 'Plus Ultra'. (Foto: Helena Girón)

Sobre que versa Eles transportan a morte?

Unha cuestión que estivo na xénese deste proxecto era tratar de xerar unha posíbel historia especulativa destes desherdados ou daqueles que nunca coñecemos e das ideas e memorias agochadas, que quedaron sepultadas baixo ese peso da historia. Nese sentido, o filme abarca unha dor que ten que ver un pouco coa ausencia deses corpos, mundos e imaxinarios que dalgunha forma a orde colonial ou patriarcal buscou eliminar. A verdade é que se tratan distintas temáticas: a morte en múltiples sentidos, a fraxilidade da vida...

Tamén se aborda no filme o estereotipo da bruxa.

Unha das cuestións que máis nos preocupaba era que as dúas vías narrativas non fosen herméticas, senón que se fosen intoxicando unha a outra. É unha idea que tamén nos axudou moito a estruturar o filme e que atopamos no libro de Silvia Federici Calibán e a bruxa.

Fala da articulación deste estado moderno e do réxime capitalista que, dalgunha maneira, nunca podería ter despegado sen o espolio e a invasión alén do océano, pero tampouco sen a persecución e a disciplina que se articulou ao redor do corpo das mulleres a partir do século XV en Europa e nas súas colonias. É un arquetipo que afonda nas súas raíces nesa etapa. Gústanos a forma en que nos revela no seu ensaio como as distintas supresións e resistencias van entrelazándose e afectándose a través dos séculos mutuamente.

A película deunos a oportunidade de seguir indagando nesta figura que tanto nos fascina. Cando aparece ese folclore ou ese relato de quen gaña a batalla, a muller real que o encarna, cos seus medos e anhelos, queda totalmente eclipsada polo mito. De aí tamén a intención de facer unha personaxe tan arraigada á terra.

Como foi o proceso de creación da longametraxe?

O filme xorde da necesidade de pensar como nos relacionamos con referentes históricos, que dalgunha forma nos marcan culturalmente, e tamén cunha intención de cuestionar certos mitos fundacionais do Estado, como poden ser os relatos de conquista. Realmente, unha película tamén chama a seguinte. Son como liñas que se van desenvolvendo, pero si é verdade que moitas das temáticas veñen de atrás, de anos de ir lendo, vendo filmes... Absorbemos moito do cine da tradición máis ligado ás vangardas, que busca expandir os límites desa estrutura máis clásica. 

Logo, mencionar tamén a Carmelo Lisón Tolosana, que é un autor de referencia, e a súa obra Bruxería, estrutura social e simbolismo en Galicia. É un libro moi estimulante e apaixonante que fala moito desa cosmoloxía que está retida a través da palabra e da memoria oral na Galiza, do pensamento máxico propio do noso territorio.

Por que elixiron Canarias e a Galiza como localizacións?

É certo que a nós gústanos moito, no noso cine en xeral, acoutar as historias que contamos a un territorio concreto. Temos a sensación de que nos concede máis liberdade, aínda que pareza o contrario. Neste caso, si que nos parecía moi coherente traballar con estes dous territorios. Por una parte, está ese espazo na Galiza, do que proveñen os mariñeiros e que ten unha referencia co vello mundo. 

Por outra, as Illas Canarias, que pertencen a este territorio intermedio. Na época de 1492, non deixa de ser un lugar que estaba a ser conquistado. De feito, a illa de Tenerife aínda non fora conquistada. Foi un terreo, nesta economía triangular, que definiu e erixiu o Estado moderno e o capitalismo; unha peza chave nese desenvolvemento, na que se maduraron moitas das prácticas que logo tamén levaron os conquistadores ao outro lado do océano. É un territorio que nos parecía moi concreto e que tiña moito sentido co filme que estabamos facendo.

Comentarios