Axenda do Día da Patria Galega: Guía rápida de actos

Manifestacións, ofrendas, música e moito máis é o que trae este 25 de xullo, Día da Patria Galega. 
Festigal
photo_camera Festigal

Este 25 de xullo, como todos os anos, o BNG organiza manifestación polo Día da Patria Galega que partirá ás 12 horas da Alameda de Compostela baixo o lema 'Gañarmos o futuro'. Finalizará na Praza da Quintana coa intervención da portavoz nacional da formación, Ana Pontón.

Pola súa parte, o PP da Galiza fará, como é habitual, unha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres.

O PSdeG seguirá a súa tradición de asistir a Rianxo. Levarán a cabo un acto no Paseo da Ribeira diante do busto de Castelao ás 11.30 horas, onde lerán un manifesto coa participación do seu líder, Valentín G. Formoso.

Polo seu lado, Agora Galiza-Unidade Popular, Causa Galiza e o Partido Comunista pola República Galega levan a cabo unha manifestación conxunta ás 13 horas desde a Alameda de Santiago baixo o lema Independencia e socialismo.

O 25 no Festigal

O Festigal reunirá numerosas actividades entre concertos, faladoiros, conferencias e presentacións, ademais de poder visitar os postos que alí están instalados.

A partir das 18 horas, actuará o angolano Alberto Mvundi. Compartirá escenario co hard rock dos John Deeres e Berto. Por último subirán porán a toda a parroquia a bailar DJ Ferromona, Luzía Álvarez.

Para a cativada, no campus sur celebrarase ás 16 horas un obradoiro de Enredos sonoros, en colaboración coa Asociación de Gaiteiras Galegas e Galegos. Unha hora máis tarde, o mesmo colectivo coordinará unha sesión de baile e ás 18, Títeres Cachirulo representará O Cachimóbil. Ás 19 horas, Pablo Díaz e a Banda de Visantoña estarán co espectáculo Tic Tac.

No espazo da Galería das Ideas están previstas unha serie de mesas redondas. A primeira delas, ás 16.30 horas, xirará sobre 'Extrema dereita e Democracia' e nela participarán a politóloga Idoia Arreaza xunto á doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía da Universidade Complutense e integrante do Frente Antimperialista Internacionalista (FAI), Ángeles Diez ,e Joana Mortágua, deputada da Assembleia da República Portuguesa polo Bloco de Esquerda. Moderará, Xosé Lois Rivera, pola Fundación Moncho Reboiras.

Ás 18 horas, a responsábel de relacións internacionais do BNG e voceira en Bruxelas, Ana Miranda, moderará 'Cara a unha Europa dos pobos' xunto a Néstor Rego (BNG), Sara Bailac (ERC), Mertxe Aizpurua (Bildu), Amadeu Mezquida (Més-Compromís) e Miquel Rossellò (Més per Mallorca).

O Festigal será tamén unha festa do libro. Ás 16.30 horas, presentarase Teño dereitos, editado por Esculca. Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades. No acto participará a presidenta da entidade, Lucía Barros.

Seguidamente, ás 17.15 horas introducirase a obra de Manuel María para públicos novos, con materiais divulgativos, didácticos e lúdicos, dirixidos para as crianzas, mocidade, familias e profesorado, sobre a poesía e a narrativa infanto-xuvenil do poeta de Outeiro de Rei. Este proxecto vén da man da Casa-Museo Manuel María, por iso que asistirán o autor Pepe Carreiro e Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María.

Ás 18 horas, Martiño Santos e Xosé Gontá, sumilleres e fundadores do espazo enocultural Vide, Vide! presentarán o libro A nación dos mil viños.

Da literatura pasarase ao audiovisual coa proxección ás 18 horas do avance do documentario Setembro do 82: o nacemento da unidade nacionalista. O adianto deste filme da Fundación Galiza Sempre dará pé a unha palestra sobre o 40 aniversario da Asemblea de Riazor, en que se fundou Bloque Nacionalista Galego. Participarán Francisco Rodríguez, Encarna Otero e Mario López Rico. Como moderadora estará a xornalista Carme Vidal.

Ás 18.45 horas, poderase ver un adianto de A Semente de 1972, como fonte inspiradora dun debate sobre o 50 aniversario. Nación. Clase. A loita continúa. No acto analizaranse os sucesos de Ferrol e Vigo dese ano, a conflitividade laboral de 1972 na Galiza e a importancia destas loitas do movemento obreiro galego na ditadura franquista e a súa influencia no nacemento do sindicalismo nacionalista galego. Falarán Elvira Souto, Xesús Chaves e Suso Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras, encargada de editar o traballo.

Xa ás 19.30 horas da tarde, Carlos Callón presentará O libro negro da lingua galega (Xerais,2022), e Miguel Carnota fará o mesmo con Lingua, poder e adolescencia (Xerais, 2022).

Os autores estarán acompañados por Pepa Baamonde, Séchu Sende e Cibrán Arxibai. José Manuel Barbosa presentará ás 20.30 horas Porque caiu a Galiza? (Através Editora, 2022). Ao seu lado sentará Valentim Fagim, codirector de Através Editora.

Comentarios