Os boirenses Mallou fanse co Premio Narf

O segundo posto deste certame promovido pola Deputación da Coruña foi para Noar, mentres o bronce gañouno Madalena Gamalho.
Sabela Rey Bello e Benxamín Vázquez, de Mallou. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera Sabela Rey Bello e Benxamín Vázquez, de Mallou. (Foto: Deputación de Pontevedra)

O Teatro Colón da Coruña foi o escenario na tarde deste domingo da gala final da décimo cuarta edición do Concurso Fran Pérez 'Narf', unha iniciativa promovida pola Deputación da Coruña que premia grupos e artistas musicais emerxentes do panorama galego. O xurado elixiu as e os finalistas de entre máis dunha trintena de propostas recibidas.

A banda boirense Mallou resultou gañadora do certame grazas ao ditame dun xurado composto por Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación; Alfonso Pato, xornalista e director do Festival de Cans; Fernando F. Rego, crítico musical; Inés Portela, mánager e xestora cultural, e mais os músicos Marcos Teira e Marisol Palomo —tamén xestora cultural—.

Mallou é a proposta musical de Sabela Rey Bello e Benxamín Vázquez, artistas dos que o xurado destacou "a contemporaneidade dos sons de raíz e as influencias narfianas" a través da súa "viaxe conxunta e individual desde músicas lonxanas, desde as linguaxes da música americana de raíz como country, blues e soul, até a música galega".

"Sabela e Benxamín achegan un repertorio onde entrelazan cancións que forman parte do ideario musical galego con creacións e composicións propias, cunha profunda inspiración na maneira de crear de referentes como Fran Pérez, Narf; sentindo a música como elemento de encontro entre xéneros, estilos e realidades", precisaron desde a organización.

En segundo lugar ficaron os Noar, o grupo formado por Iago Marta e Rubén Fernández, de quen o xurado premiou "a proposta arriscada que desde o jazz busca unha voz propia e orixinal". Se ben comezaron a tocar xuntos en 2013, non foi até 2019 que iniciaron a andaina en Noar.

Finalmente, o bronce foi parar á vocalista e compositora Madalena Gamalho, galardoada "pola súa calidade musical e polo coidado da súa proposta". Actualmente está a presentar o álbum Invento, canda o músico e produtor Iván Barreiro, un traballo que "integra letras e melodías que invitan a conmover, conectar e reflexionar sobre o ser, a vida e as súas contradicións, dende universo sonoro moi ecléctico e atrevido, que recibe influencias de pop, rock, funk e world music".

O xornalista Luís Pardo conduciu o evento, no que participou como convidado o artista Berto —ex da banda Verto—, e houbo outra actuación especial da man de Pepe Sendón e Suso Alonso, compañeiros da viaxe artística de Narf, que lle dedicaron un tema.

Comentarios