JOSÉ MANUEL DÍAZ, SINDICATO DA NOITE

“En Galiza falta que as músicas se mesturen sen ningún tipo de prexuízo”

O Sindicato da Noite presenta esta noite en Redondela o seu primeiro disco, liderado polo contrabaixista cubano José Manuel Díaz, que se pon por primeira vez aos mandos dun novo proxecto logo de colaborar con Frank Delgado, Marful, Alba María ou Guadi Galego.

Grupo Jose Manuel Diaz Iglesias. 

Jose Manuel Diaz Iglesias-Bajo
Felipe Villa-Guitarra
Alex Salgueiro-Teclado
Max Gomez-Bateria
Su Garrido-Voz
photo_camera Sindicato da Noite: Jose Manuel Diaz (no centro), xunto con Felipe Villa, Alex Salgueiro, Max Gomez e Su Garrido.

- Identificabámoste máis co jazz, pero hoxe estreas o teu primeiro disco, un proxecto de pop-rock, iso si, con arranxos e reminiscencias jazz. Como foi esa viraxe túa?
- En realidade si que estiven en moitas bandas de jazz, tanto aquí coma en Cuba, pero en Cuba hai unha tradición de cancións de toda a vida, de boleros, e eu tamén escoitei eses temas cando era un neno e tamén teño esa necesidade de escribir cancións. E este proxecto vai un pouco diso, de cancións. 

- Este é o primeiro proxecto que lideras ti. Colaboraches con moitos artistas, tanto en Cuba coma aquí, como querías que fora este primeiro traballo que leva o teu selo?
- Eu teño moitos referentes musicalmente falando, este é o primeiro proxecto e todo o mundo lle bota un ollo especial. Eu quería que o proxecto musicalmente fora potente, que os arranxos acompañaran ben ás cancións e que o público poida entender o que se está a escoitar, non facer un proxecto moi difícil de escoitar. E tampouco caer na simpleza do pop que se fai hoxe en día. Non ten sentido, é unha música moi mala -creo- a que se está a escoitar por aí e claro, eu son músico de jazz, aínda que queira non me podo permitir caer nese tipo de cousas. Entón o que quería é que fose potente musicalmente e que fora asequible para os ouvidos do público. 

O que quería é que fose potente musicalmente e que fora asequible para os ouvidos do público.

- A maioría das letras son túas, pero tamén tes colaboracións de Xavier Queipo, Olga Nogueira ou Su Garrido, a cantora da banda. Que queres contar neste disco?
- Pois neste disco falo de temas universais, como o amor, cantarlle á seducción, á tentación, á parella. Logo hai letras que non falan de nada, son como unha especie de exercicio literario, ofrece unhas imaxes pero non fala de nada concreto. Hai cancións que tocan un chisco o tema social, o que vivimos que non nos gusta, hai un pouco diso nos temas. Eu como me plantexo as músicas plantéxome as letras, deben dar imaxes, sensacións, non che contan algo de arriba abaixo, teñen que deixarche unha sensación. 

- Sindicato da Noite, por que?
- Porque estamos nun sector que traballa cando case todo o mundo anda a durmir, menos o público que vai vernos, por suposto. E algúns máis que están a traballar a altas horas. Pois xurdiu a idea un día que cheguei ás tres da mañá á casa de traballar dun concerto e estaba a miña muller esperta e dixen: “claro, é que somos os que traballamos no sindicato da noite” e gustounos ese nome para poñerlle a un grupo e así o fixemos. 

- En Cuba colaboraches con Frank Delgado e con moitos outros artistas; en Galiza con Marful, Guadi Galego, Alba María… Que diferenzas encontras entre as dúas escenas musicais?
- Cuba ten, cando saes fóra, como unha aura de super música, e é verdade que é unha illa bastante potente musicalmente, o que pasa é que dun tempo acá púxose moi de moda o tema do reggaeton e ocupou todos os medios, a radio, todo. Entón houbo que facer un esforzo moi grande para que a música interesante e boa seguira tendo presenza. Cuba é un escenario potente e a realidade social fai que o enxeño dos compositores sexa moi surrealista e de aí saen cousas moi boas. E o panorama de Galiza está ben no sentido de que hai moi bos músicos, pero creo que falta dar un paso, que se deu en moitos outros lugares, de que todos os músicos se mesturen uns cos outros e as músicas se mesturen sen ningún tipo de prexuízo e de aí vai saír un resultado aínda moito mellor. Falo do folc, do jazz, da clásica, que se mesturen, coma nunha batedora. De aí sairía un resultado moi moi potente. E creo que iso pasa pero moi pouco. 

Cuba é un escenario potente e a realidade social fai que o enxeño dos compositores sexa moi surrealista e de aí saen cousas moi boas. 

- Está demasiado compartimentada?
- Creo que cada un anda un pouco metido no seu mundo. Ti es do folc, eu son do jazz, aquí están os de blues, alí os de clásica… e hai cousas, como a Orquestra de Jazz de Galicia, pero ese é un macroproxecto que non se pode facer todos os días. Marful tamén era un grupo de bastante mestura e iso ten que seguir pasando, hai que mesturarse porque se non a música non avanza, quédase un nun sitio.

- Ti remataches aquí logo de que Galiza fora país convidado na feira da Habana, non?
- Fixemos o proxecto de Descarga ao Vivo, con músicos galegos e cubanos, e despois de dous ou tres anos, propuxéronnos facer concertos aquí coa mesma banda, viñemos e eu acabei quedando aquí.

- Ademais este debe ser un dos poucos discos da historia que están dedicados á sogra.
- Si, si, si, cunha mención especial, si. É que a miña sogra é o máximo, o mellor que hai. É unha muller impresionante que ten unha enerxía como a terra mesma. 

- Hoxe presentades o disco cun concerto de balde en Redondela e logo xira por varias cidades galegas…
- Si, hoxe (sexta feira) tocamos na Casa da Torre nun concerto no que agardamos vervos a todos. Logo o 20 de setembro na Borriquita de Belém en Compostela, onde nos acollen moi ben, o 5 de outubro na Libraría paz de Pontevedra e o 7 de outubro na Casa de Arriba de Vigo, onde facemos as jam de jazz. 

Comentarios