A galería de Vigo que presentou oferta polos murais de Lugrís da Coruña retira a súa proposta

O propietario non quere "interferir" no proceso que vén de iniciar a Xunta para declaralos BIC.
urbano lugris foto in nave civitas
photo_camera Mural de Urbano Lugrís na Coruña. (Foto: In Nave Civitas)

A galería de Vigo que presentou unha oferta polos murais de Urbano Lugrís, a máis alta economicamente, vén de retirar a súa proposta, segundo confirmou á axencia Europa Press o seu propietario, Víctor Montenegro, apelido que dá nome tamén ao estabelecemento. Xa comunicou ao xulgado a súa decisión logo de que a Xunta da Galiza anunciase que iniciaría o proceso para declarar os murais, integrados por 12 pinturas e situados nun antigo restaurante da rúa Olmos da cidade herculina, Ben de Interese Cultural (BIC).

De feito, esta mesma segunda feira o Goberno galego avanzou que publicará esta terza no Diario Oficial da Galiza (DOG) a incoación para declarar BIC, na categoría de monumento, os murais situados nunha propiedade cuxa empresa está en concurso de acredores.

Entre os bens que se sacaron á venda por parte do Xulgado do Mercantil número 3 da Coruña están os murais, para os que se presentaron catro ofertas: a da Xunta, por 35.000 euros; a da galería que xa renunciou, por 40.100; un particular, por 36.000, e a empresa interesada en adquirir os inmóbeis, por 30.000.

O propietario da galería de Vigo explicou que a súa retirada do procedemento obedece a que non quere "interferir no desenvolvemento da operación" ao iniciar o proceso a Xunta para a declaración BIC e propor o traslado dos murais ao Museo de Belas Artes, no caso de resultar adxudicataria.

"A nosa idea era que se reparasen e non se perdesen e ofertalos ao Museo de Belas Artes", co que lle une un vínculo, dixo. De non ser así, as súas seguintes opcións serían outros museos da Galiza, logo do Estado español e despois fundacións para, de non houber máis remedio, ofrecelos a coleccionistas privados.

Con todo, afirmou que ante o proceso para declaralos BIC e a vontade de trasladalos ao Museo de Belas Artes, de ser a opción elixida, non quere "interferir" no proceso. "Paréceme correcto", argumentou sobre esta posibilidade.

Agora será o xulgado, tras un informe que deberá emitir o administrador concursal ao estar en concurso de acredores a empresa propietaria, o que tome a decisión definitiva e o devir dos murais.

Comentarios