A Aula de Teatro da USC estará nos Encontros Internacionais de Teatro Universitario de Liexa

A compañía presentará unha peza de Pascal Rambert adaptada e dirixida por Roberto Salgueiro.
Unha escena da montaxe da Aula de Teatro da USC.
Unha escena da montaxe da Aula de Teatro da USC.

A peza Irmás, de Pascal Rambert, estreada no pasado mes decembro pola compañía da Aula de Teatro da USC, vén de ser seleccionada para participar na cuadraxésimo terceira edición dos Rencontres Internationales de Théâtre Universitaire (RITU), que se desenvolverán entre o 24 e o 28 de febreiro en Liexa (Bélxica).

Este é o festival internacional de teatro académico máis antigo de Europa e na presente edición seleccionouse un total de once espectáculos procedentes de Bélxica, Camerún, República Democrática do Congo, Xeorxia, Marrocos, Croacia, México e o Estado español.

A obra da Aula de Teatro da USC está adaptada e dirixida polo autor e director Roberto Salgueiro, responsábel da Aula de Teatro. Salgueiro ten traballado, entre outras, para as compañías Uvegá-Teatro, Teatro do Atlántico e Talía Teatro.

Entre as súas obras cabe destacar O arce no xardín, estreada polo Centro Dramático Galego en 1989, Matanza (2002), Memoria de Helena e María, Premio Abrente e levada a escena pola compañía Teatro do Atlántico en 2010, ou Como mil cachiños de vidro que a dor escurece, premio Rafael Dieste en 2015.

Comentarios