Moçambique, Granada e Portugal achéganse ao Festival de Teatro da USC
O Festival Internacional de Teatro Universitario da Universidade de Santiago (USC) chega este ano á súa trixésima edición. A actividade, incluída dentro da programación da Primavera Cultural, comezou esta segunda feira e rematará o 7 de febreiro. Na programación están presentes, ademais da Aula de Teatro da USC, as escolas de teatro das Universidades de Beira Interior de Portugal, de Granada e de Moçambique. Todas as representacións decorrerán no Salón Teatro de Santiago da capital galega ás 20.30 horas e a entrada é de balde previo paso pola billeteira, que abrirá cada día ás 19 horas.
A encargada de subir o pano o primeiro día foi a Universidade da Beira Interior de Portugal 2 coa peza Ficções do interlúdio, de Rui Pires, unha obra en lingua portuguesa. Esta terza feira será o momento da Companhia de Artes A Palhota, de Moçambique, que representará Lutar para perder, de Ailton Zimila, de novo en portugués.
Xa a na cuarta feira, estará no escenario a compañía Brinco de Venus da USC para representar 4 Re-rosas, unha creación colectiva a partir da obra Rosas danst Rosas de Anne T. De Keersmaeker. Santa liberada, de Mario de la Torre, é a obra coa que o Grupo de teatro e danza da Universidade de Granada intervirá no festival pasadomañá .
Na recta final do evento universitario compostelán, na sexta feira, terá lugar un acto conmemorativo do 35º Aniversario da Aula de Teatro da USC. Finalmente, o sábado 7 de febreiro a Compañía de Teatro da USC fechará esta cita emblemática da escena na capital da Galiza coa representación en galego de Irmás, do dramaturgo, director de escena e cine, Pascal Rambert.
