Fuco Gómez, o "escritor prolífico e político comprometido coa Galiza" que é case un descoñecido

A igrexa de Ouselle, onde comezará o itinerario sobre Fuco Gómez. (Foto: Rente ao Couce)
A Asociación Rente ao Couce promove este domingo un roteiro polos espazos da infancia en Becerreá desta figura multidisciplinar do país. Con axuda do Colectivo Patrimonio Ancares procurarán dar a coñecer máis capítulos da vida de Gómez.

Fuco Gómez, un galego emigrado desde Becerreá, será un pouco máis coñecido na súa terra a partir deste domingo. A Asociación Rente ao Couce organizou unha andaina (a partir das 11.00 horas desde a igrexa de Ouselle) por terras de Becerreá para lembrar os distintos pasos que deu na súa traxectoria vital este veciño polifacético aínda que case anónimo para a maioría das e dos galegos.

Gómez foi escritor, político, galeguista, autodidacta, xornalista... pero a súa figura pasou sen demasiada repercusión e cando se cumpre "o 125 aniversario do seu nacemento queremos recuperar a súa memoria". Así o conta Xavier Digón, un dos membros de Rente ao Couce, entidade que leva varios retos conseguidos na súa curta existencia até o de agora.

Cando se lle pregunta o por que de pensar neste investigador para dedicarlle unha actividade, revela que desde o colectivo pensaron en "ensalzar a súa figura" porque foi "un escritor prolífico e un político comprometido coa Galiza".

Sen ir máis lonxe, na súa estadía en Cuba -a onde emigrou de xeito ilegal polas circunstancias da época- creou o Comité Revolucionario Arredista Galego amosando o seu sangue independentista malia estar ao outro lado do Atlántico.

De feito, mesmo lanzou a revista Patria Galega, que mantivo activa dúas décadas.Tamén foi un dos promotores culturais máis entregados da Habana, chegando a relacionarse con Curros Enríquez e Fontenal Leal, por exemplo. Tamén participou da Irmandade da Fala do lugar, estivo no Partido Autonomista Galego... A súa presenza en distintos grupos era bastante habitual.

Digón asume que este autor "non é coñecido a nivel galego, nin tan sequera na comarca" pero a partir desta primeira acción reivindicativa da súa figura -o itinerario- pretenden poder "recuperar" a memoria. Ao ser preguntado ao respecto de novas iniciativas, desde Rente ao Couce afirman que teñen previsto traballar máis na mesma liña para que incluso as institucións públicas reparen en quen foi Fuco Gómez e lle den o papel que lle corresponde na historia galega.

Así é porque practicamente foi autor de medio cento de obras como Grafía galega (1927), dedicada a Otero Pedrayo, Naciones Ibéricas (1931), a novela O idioma dos animais. Opúscaro de enxebreza (1937) e Ensayos de crítica e historia de Galicia (1960), entre outras pezas importantes.

Polo momento, ese primeiro chanzo vai ser a visita por algúns lugares que marcaron a súa infancia, como a igrexa da parroquia de Ouselle. Tamén haberá parada na "nun pequeno monumento que se lle dedicou e onde considere Xavier Moure, do Colectivo Patrimonio dos Ancares, que vai dirixir o roteiro".

Por un "rural vivo"

No entanto, Rente ao Couce non é só unha organización xurdida para dar visibilidade a este autor e activista. "É bastante transversal e traballa na defensa dun rural vivo, na defensa do ecoloxismo e o consumo de produtos de proximidade e na promoción da lingua e da literatura galegas", destaca Digón, sendo esta última parte na que encaixaría a homenaxe a Gómez.

Para activar o rural tamén organizan cursos e colaboran con outras asociacións como pode ser Patrimonio dos Ancares. Non hai enfrontamentos senón todo o contrario. "Levamos pouco máis dun ano pero sempre intentamos traballar con outros colectivos da comarca. Aquí as asociacións somos bastante pequenas e xa temos bastante complicado actuar pola escaseza de recursos polo que colaboramos", incide, dando pistas sobre como funciona o asociacionismo nesa zona do interior galego.