Pasos tras as pegadas de Fuco Gómez 125 anos despois

Un roteiro recupera e homenaxea este domingo en Becerreá un veciño tan comprometido como esquecido.

fuxo gomez

A Fuco Gómez acompáñano unha longa lista de adxectivos: emigrante, autodidacta, escritor, patriota, comprometido, xornalista, independentista…. Mais todas esas cualificacións semellan que non son quen de tirar este galego das montañas, do lugar de Montaña da Agra, do descoñecemento que sobre el pesa para a inmensa maioría da sociedade galega e tamén para os seus veciños.

150 anos despois do seu nacemento, as asociacións Rente ao Couce e Patrimonio dos Ancares organizan un roteiro para seguir os pasos polas pegadas de Fuco Gómez no seu concello natal, Becerreá, unha camiñada para homenaxear e recuperar o seu veciño.

O roteiro parte ás 11:00 horas da igrexa de Ouselle, parroquia onde naceu, para  seguir o rastro deste emigrante autodicdacta, autor de até 50 obras literarias e ensaísticas, activista incansábel por Galiza e os seus dereitos, que colabora nunha manchea de proxectos xornalisticos, sociais e culturais e que mantén durante dúas décadas a revista ‘Patria Galega’.

Fuco Gómez é o fundador na Habana, a onde emigrou con apenas  18 anos, do primeiro movemento de carácter arredista na historia do nacionalismo galego. A creación dunha República Galega fixaba o ideario do primeiro grupo declaradamente independentista: o Comité Revolucionario Arredista Galego (C.R.A.G.) que fundou e dirixiu.

Fuco Gómez chega á Habana en 1913, totalmente analfabeto e en pouco tempo xa está implicado e impulando iniciativas culturais, de divulgación e políticas. Desde aí vai armando un compromiso e un ideario no que a liberdade da Galiza ou a paz entre os pobos van da  nan da "aprobación e posta en práctica dunha lexislación obreira e campesiña que fomente o progreso fixando salarios, utilidades e horas de traballo" e da equiparación "dos dereitos civís, políticos, económicos e sociais das mulleres aos dos homes".

Entre o case medio cento de obras que escribiu, salientan Grafía galega (1927), dedicada a Otero Pedrayo, Naciones Ibéricas (1931), a novela O idioma dos animais. Opúscaro de enxebreza (1937), os poemas Pastorelas (1950), e Ensayos de crítica e historia de Galicia (1960), entre outras.

Comentarios