Cara ao Día da Patria Galega

25 anos homenaxeando Curros Enriquez na Coruña

A Coruña acolleu a tradicional homenaxe e ofrenda floral a Curros Enríquez que o BNG e Galiza Nova organizan desde hai 25 anos nos xardíns de Méndez Núñez, ao pé do monumento á súa memoria. Como todos os anos, o acto realízase nas xornadas previas ao Día da Patria Galega para popularizar esta data e a manifestación nacional que o Bloque convoca o 25 de xullo en Compostela.

Homenaxe a Curros 2019
photo_camera Homenaxe a Curros 2019

Aos pés do monumento a Manuel Curros Enríquez situado nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña realizouse a tradicional homenaxe e ofrenda floral na súa honra que o Bloque Nacionalista Galego e a súa organización xuvenil, Galiza Nova, organizan conxuntamente desde hai 25 anos.

Este acto simboliza o arranque da campaña que polo Día da Patria Galega realiza o BNG na comarca da Coruña, coa pretensión de difundir a convocatoria da manifestación nacional en Compostela do 25 de xullo que organiza a fronte nacionalista.

No acto interviron a responsábel comarcal do Bloque, Vitoria Louro, o representantes desta formación na Deputación da Coruña Xurxo Couto e o responsábel comarcal de Galiza Nova Román Blanco.

“Somos as nacionalistas quen ano a ano xuntámonos neste lugar da Coruña para coller o legado que Curros deixou na súa obra e para reverter o desamor á Patria”. Con estas verbas arrincou Vitoria Louro a XXV edición da homenaxe a Curros Enríquez.

A responsábel da formación na comarca sinalou ademais que o nacionalismo é vital para que o país “non perda e non camiñe cara á irrelevancia política que precarizaría aínda máis as galegas e galegos”.

Nese sentido, afirmou que o BNG “é hoxe unha forza actualizada, moderna, que dá respostas ás demandas e necesidades da Galiza presente” e avogou por dar un “novo impulso en forma de soberanía, traballo, democracia, igualdade, equidade e liberdade” a Galiza.

Louro valorou “o proceso de relanzamento do BNG” como un feito “constatábel no que cada día somos máis” e engadiu que a fronte está a sumar moitas persoas ao proxecto nacionalista.

“O nacionalismo é un proxecto de futuro, e a mocidade é quen dá ese presente e futuro” sinalou Vitoria Louro no acto. Nese sentido, afirmou a necesidade de que a mocidade participe da vida política e nas decisións “que afectan o presente e que definen o futuro”.

Galiza Nova apresentou no acto a súa axenda da Semana da Patria Galega na Coruña, coa que continuará coa realización de actos na comarca até o 25 de xullo. Así, colocará diversas carpas informativas nos distintos concellos da zona, realizará un despregamento dunha bandeira de grandes dimensións da Patria Galega e a vindeira terza feira realizará a palestra “Refacer a historia da Galiza a través dos seus mapas” coa participación do historiador Felipe-Senén López, ás 20 horas no local da Asociación Alexandre Bóveda da Coruña.-

Comentarios