Freixeiro Mato analiza o pasado e o provir do galego en Vigo

Vigo acolleu a primeira presentación de 'A estrela que nos guía', un libro de Xosé Ramón Freixeiro Mato.
Suso Seixo e Xosé R. freixeiro Mato estaterza feira en Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Suso Seixo e Xosé R. freixeiro Mato estaterza feira en Vigo (Foto: Nós Diario).

Esta terza feira presentouse en Vigo o libro A estrela que nos guía. O galego entre un pasado brillante e un incerto futuro, do que é autor o profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato, un acto no que o autor estivo acompañado por Suso Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras, editora do volume.

A estrela que nos guía fai un repaso da historia da lingua galega, desde as súas orixes na Idade Media até o presente, prestándolle especial atención ao inicio do conflito lingüístico a raíz da imposición do castelán.

"Se hai unha primeira etapa da historia da lingua galega caracterizada por un brillante período en todos os campos, existe unha segunda xeira na que o galego se viu relegado á condición de lingua subalterna no seu propio territorio por decisión foránea, allea á vontade dos habitantes da Galiza. O libro, finalmente, fai unha análise da situación da lingua no século XXI", indícase na obra.

Para alén da presentación na cidade olívica, esta obra tamén será presentada o vindeiro catro de decembro na Coruña, no círculo de artesáns organizada pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda e en Ferrol, no Antigo Hospicio organizada pola Asociación Cultural Medulio o 12 de decembro.
 

Estudo da lingua

Freixeiro Mato é catedrático da Área de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña. Entre as súas liñas de traballo están a gramática, a lingua literaria e a estilística, onde se inscriben monografías como Da montaña o corazón (Produción literaria e lingua en Noriega Varela) (1993), Antonio Noriega Varela. Estudo e edición da obra completa (2 vols., 1994, 2ª ed. 2007), Rafael Dieste (1995), Os diminutivos en galego (1996), A lingua literaria galega no século XIX (2005, en coautoría) ou Cucou o cuco cuqueiro. Lingua e estilo na obra de Manuel María (2007).

Comentarios