Contracultura

Andrea González: "Frei Rosendo Salvado transmite unha historia de superación, emprendemento e humanidade"

Andrea González, pianista, presenta o legado musical de Frei Rosendo Salvado no seu último traballo, 'Salvado Piano Works'. Nesta conversa, González refírese ás viaxes e ao proceso de recuperación dos manuscritos que conteñen “unhas partituras moi complexas, virtuosas e moi melódicas”.
A música Andrea González (Foto: Cris Grande e Juanca Soto).
photo_camera A música Andrea González. (Foto: Cris Grande e Juanca Soto)

—Como xorde Creadoras Feministas na Galiza? E o disco Salvado Piano Works?
Aínda que eu me formei como pianista no conservatorio de Tui e durante un tempo en Pontevedra, despois acabei indo a Castelló, a Milán, a Londres e aos Estados Unidos. Con todo, como se adoita dicir, sempre mantiven unha pata na miña terra e tamén me formei en xestión cultural, polo que a miña preocupación polo patrimonio estaba latente. En 2013, estaba organizando a primeira edición do Ikfem, que tamén era o meu primeiro proxecto de xestión cultural, e eu quería inundar Tui e Valença con concertos de piano.

Eva González, xornalista, preguntoume por que non poñía un piano na estatua de Rosendo Salvado, mais eu non entendía o porqué, así que acabei indo ao Arquivo da Catedral de Tui falar co arquiveiro, don Avelino. El foi quen me contou a incríbel historia de Salvado e a súa viaxe a Australia, ensinoume tamén os manuscritos compostos por el... A min todo iso pareceume alucinante, porque son unhas partituras moi complexas, virtuosas, moi melódicas e non entendía como ninguén sabía delas nin da súa historia. Coincidiu con que en 2014 se celebraba o bicentenario do nacemento de Salvado, polo que aos poucos meses xa tiven a oportunidade de tocar a súa música e aí apareceu a miña paixón. 

—Como recuperou esas partituras?
Comecei facendo unha fotocopia destes manuscritos e estudando a música no meu piano. É un pouco complexo porque hai moitísimas indicacións sobre como se debe interpretar a música e ademais todo escrito en italiano, porque Salvado tamén estivo un tempo en Italia e vese a influencia da ópera e da música do momento. Foi a través dos coñecementos da música e de todo o que eu interpretara até o momento, así como das súas memorias, que eu puiden facer este traballo. 

Despois, o Consello da Cultura Galega xa transcribiu a música, o que facilitou moito as posteriores lecturas que eu fixen. Foi un traballo estupendo, aínda que é certo que hai pequenos detalles que eu conservo nos manuscritos que non saen nesas partituras. Posteriormente, descubrín unha nova partitura nos arquivos de Cava dei Tirreni, o mosteiro onde Salvado estivo antes de partir para Australia. É unha peza para voz e para piano que chama a atención porque aínda que a melodía é relixiosa, o acompañamento musical non o é. En Australia non apareceu música nova, mais foi moi interesante falar cos monxes, ver a importancia que tiña a música na abadía.

Foi un traballo con moito esforzo, que de feito tamén presentei como proxecto final dos meus estudos en Italia. É marabilloso poder divulgar tanto nos conservatorios como fóra, de maneira popular, para que a xente coñeza a historia de Salvado. Hai que engadir tamén o esforzo que foi o proceso de gravación do disco, que Warner Music se interesase, os vestidos de Agatha Ruiz de la Prada para o proxecto ou a colaboración coa soprano Leonor Bonilla. Foi unha sorte que ela puxera unha voz da súa categoría para esta peza porque realmente está facendo unha carreira estelar. 

—Como está sendo a acollida?
Tiven a oportunidade de presentar o disco en lugares como o Teatro Real de Madrid, o Real Conservatorio Superior de Música de Madrid ou a Real Academia Galega de Belas Artes. É incríbel porque eu acostumo a tocar a música, mais tamén conto a historia e, cando teño a posibilidade, proxecto uns vídeos que foron gravados en Australia e no Mosteiro de San Martiño Pinario. 

Así, por unha parte, a xente descobre unha personalidade incríbel do noso patrimonio, un Da Vinci descoñecido, mais por outra parte tamén creo que transmite unha historia de superación, emprendemento e humanidade que está moi presente na súa relación coas persoas indíxenas, que na época eran tratadas como animais sen alma.

Comentarios