Compostela inaugura o VI Congreso Internacional do Camiño Medievalista

O tema central da sexta edición son os Spolia ou ruinas da Idade Medieval. 
Imaxe do congreso. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe do congreso. (Foto: Nós Diario)

Esta cuarta feira, día 3 de maio de 2023, o Salón de Actos da facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) estrea o VI Congreso Internacional ‘O Camiño do Medievalista: Omnia Restituo’. O comité organizador deste ano terá a nova incorporación de persoas como Paula Corbeira Paz, Carla Trincado Rodríguez e Celia Vila Fernández, as cales se sumaran ao doutor Israel Sanmartín Barros e aos doutorandos Emilio Sanjurjo Durán, Rubén Filipe Teixeira da Conceição e Almudena María Méndez Sánchez, todos pertencentes a USC.

Así mesmo, o comité científico estará composto por Fernando López Alsina (USC), Klaus Herbers (Universität Erla ngen-Nürnberg, FAU), Philippe Josserand (Université de Nantes, NU), Miguel Calleja Puerta (Universidad de Oviedo, UniOvi), Julio Vázquez Castro (USC), Santiago López Martínez-Morás (USC) e Alfonso d’Agostino (Universitá degli Studi di Milano, UniMi).

A narrativa histórica defínese por seguir unha cronoloxía lineal. Dividida en etapas e períodos históricos que se caracterizan por ter o seu inicio e o seu final, a Idade Media se desenvolve entre o século V e o XV, coincidindo coa Caída do Imperio Romano de Occidente e coa Toma de Constantinopla ou a chegada a América de Colón.

Non obstante, a historia é un proceso lento e gradual no que inflúen numerosos factores políticos, socieconómicos e culturais, polo que esta demarcación é máis convencional que verdadeira. De feito, incluso pode falarse dunha evolución cíclica, pois tal e como expresa a convocatoria deste ano “toda etapa, aínda que finalice, implica unha evolución e unha aprendizaxe, [...] queda constancia de devanditos valores nun sen fin de documentos e obras artísticas que son herdados de xeración en xeración e funcionan como testemuña activa dos saberes que foron xestados na humanidade a través dos séculos”.

Estes valores ou saberes nunca desaparecen, e cada época nacente os emprega para resolver as súas propias necesidades. Actualízanse, pero os fundamentos son os mesmos.

O subtítulo deste ano será ‘Omnia Restituo’, pois o obxectivo é analizar os fundamentos dos spolia (ruinas) da Idade Media, ademais de estudar a súa adecuación á nova configuración social e espacial e a súa transmisión a xeracións posteriores.

Xa sexa a tecnoloxía empregada para fabricalas, as condicións económicas do momento, incluso a mentalidade da época; os spolia son sempre un reflexo dos diferentes sucesos históricos que se foron manifestando na súa época, e por iso este é un tema de interese.

Deste modo, a primeira mesa (10 a 11 horas), ‘Mitos e figuras no medievo’, foi presidida por Dolores Barral Rivadulla (USC), e contou cos relatorios ‘Somnus, en latín: do enciclopedismo medieval á mitografía moderna en De genealogiis deorum gentilium como un problema de fontes’de Tatiana Grela Tubio (USC); ‘Do De Sphaera de Sacrobosco ao De Spheris de Clavius: unha viaxe astronómica cara á Revolución Científica’ de Julio Abel Hernández Lopez (Universidad de la Laguna, ULL); e ‘Variabilidade e estabilidade na literatura manuscrita ao longo dos séculos: o caso do Iwein de Hartmann’ de Lorena Pérez Ben (USC).

Estes, respectivamente, presentaron unha exploración da tradición clásica do Soño na obra do autor florentino Giovanni Boccaccio, que mostra o traballo dos mitógrafos do s. XIV e o lado máis protohumanístico do autor; pasando por unha análise da evolución da obra de Sacrobosco e a súa importancia no coñecemento astronómico europeo, recalcando a importancia que tivo a obra Cristóbal Clavio De spheris na transmisión da súa obra ata os nosos días; e rematando cunha identificación dos diferentes tipos de variacións -iterables, léxicas, sintácticas, conceptuais...- que aparecen no Iwein de Hartmann von Aue.

Mª Dolores Fraga Sampedro (USC) foi a responsable de presidir a segunda mesa (11.30 a 12.30 horas), 'O imaxinario medieval e as súas fontes', a cal tivo as seguintes intervencións:  ‘Eva e a serpente: historia dunha antiga relación’, un percorrido pola bagaxe simbólica e iconográfica da serpente e a súa relación coa Primeira Muller' de Amália Pérez Valiño (USC), ‘IL CICLO MARIANO. Riflessione su alcune rappresentazioni medievali dei testi apocrifi’ de Serena Silvestri (P.I.A.C.-Roma) e ‘Códices de traxes, unha mirada á indumentaria medieval en Galicia desde o século XVI' de Mónica Rey Cabezudo (USC). 

O personaxe de Eva no medievo tivo asociados unha serie de elementos ou atributos que definen a súa iconografía, entre os que destaca a serpe. Xa fora ligada a figura da muller ou á luxuria, o desenvolvemento iconográfico que Pérez fixo do ofidio foi digno de ver. En cambio, Silvestri destacou pola comparación que fixo entre a arte cristiá e as fontes literarias con motivo da importancia dos escritos apócrifos nas representacións cristiáns tardoantigas. Por último, Cabezudo pechou a sesión cunha análise da indumentaria propia da cornixa cantábrica e Galiza no século XVI, moi afectada polo novo ideal estético humanístico.

Os relatores Joel Mendoza-Ormeño (Universidad de Salamanca, USAL), Arnau Vives Piñas (USC) e Javier Herrera Vicente (USAL) ocuparon a terceira mesa (12.30 a 13.30 hras), ‘Contemplación e espiritualidade medievais’, e as súas exposicións ‘Exvotos: ¿herdanza ou supervivencia? O tradicionalismo votivo romano dentro do tempo visual cristiano e a permanencia das súas formas’, ‘A arte de contemplación de Ramon Llull. Unha proposta de Enxeñaría espiritual do século XIII-XIV’ e ‘A imaxe e o ritual como fontes reconstrutoras do espazo funerario e Ferramentas de activación da cultura. A capela de Gonzalo Rodríguez de Ledesma ‘ foron presentadas por Marta Cendón Fernández (USC). 

Presentes dende os albores do cristianismo, os exvotos caracterízanse por ser unha materialización da expresión da fe como un rogo ou agradecemento por un favor milagroso concedido pola deidade. A primeira intervención permitiu aos asistentes entender o seu papel no marco do entrelazamento entre o tempo romano e o tempo cristiano. Por outra banda, o estudo do proxecto espiritual de Ramon Llul na vernacularización do saber do s. XIII en Europa por parte de Vives suscitou un gran interese. As súas reflexións acerca de l’Ars do autor e o seu papel no profundo cambio social que acabou conducindo a una nova etapa da Idade media foron dignas de destacar. Así mesmo, a presentación de Herrera da imaxe e o ritual como fontes reconstrutoras do espazo funerario e ferramentas de activación da cultura tivo moitos simpatizantes.

Igualmente, e antes da cuarta mesa (16:45-18:00 h) ‘Apuntes románicos. Linguas literarias e difusión’, Manuel Negri (USC) -ex membro do comité organizador e presidente de dita mesa- deu unha Conferencia de Filoloxía titulada ‘Santuarios (e milagres) en Ultramar nas Cantigas de Santa María; entre tradicións e contemporaneidade ao tempo de Alfonso X’ (16:00-16:45 h). 

Os relatorios posteriores, ‘Unha lingua entre dúas linguas: Joan Basset e a poesía híbrida occitano-catalá de principios do século XV’, ‘As fontes do Llibre da menescalia de Manuel Díez (s. XV)’, ‘A Orde do Temple e a lírica galego-portuguesa’ e ‘Mulleres compiladoras no enciclopedismo cristiano medieval’ foron presentados por Alba Romanyà Serrasolsas (Universitat de Barcelona, UB), Glòria Ribugent (Universitat de Barcelona, UB), Almudena Bouzón Custodio (USC) e Cristina de Carballo Fernández (USAL).

Así, os poñentes deleitaron o auditorio cunha contextualización da evolución do occitano até o catalán, pasando pola lingua polimórfica, para presentar a figura do último poeta do Cancioneiro Vega-Aguiló, Joan Basset; coa localización das raíces e spolia das que bebe o Llibre de la menescalia, un manual de albeitería catalán; cun estudo da presenza da Orde do Temple na composición Nom é Amor em vas d’e[l]-rei, de Gil Peres Conde; e cunha revisión das enciclopedistas Hildegarda de Bingen (c. 1098-1179) e Herrada de Landsberg (c.1225-1195) e as súas obras, que permitiu observar o rico ambiente intelectual e gran calidade educativa que existían dentro dos muros dos conventos femininos. 

A quinta e última mesa (18.30 e 19.30 horas), ‘Poder(es) na construción do Reino de Portugal’, foi presidida por David Chao Castro (USC) e compareceron Paulo Jorge Cardoso Sousa Costa (Facultade de Letras da Universidade de Porto, FLUP) con ‘Os forais medievais como instrumento de poder: 1096-1325’, Gonçalo Miguel Martins Cameira Sintrão de Carvalho (Instituto de Estudos Medievais, IEM-FCSH/NOVA), con ‘Et nos inquisitores propter hoc posuimus terminos in registro» – Percepção de delimitações fronteiriças nas inquirições régias medievais portuguesas’, Daniel Filipe da Costa Marques (FLUP-CITCEM) con ‘A administração régia e senhorial nas Inquirições Gerais de 1258: ofícios e funções’, e Rúben Filipe Teixeira da Conceiçao (FLUP-CITCEM/USC) con ‘Itinerários medievais do Norte de Portugal: uma análise metodológica com base nas Inquirições Gerais de 1258’.

En que outro lugar encontrariamos semellante estudo dos foros medievais como ferramentas políticas e económicas ou dos límites e regramentos na conexión entre o mundo urbano e rural da Idade Media? Martins Cameira e Filipe da Costa destacaron, respectivamente, polo seu análise social do fenómeno histórico de delimitación de territorio e a súa relación co ser humano; e pola súa investigación acerca das Inquisicións Xerais de 1258, a cal ten posibilidades de renovar a nivel administrativo a historia medieval.

Esta quinta feira, 4 de maio de 2023, a segunda xornada empezará por unha visita á Catedral de Santiago de Compostela e ao Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago de Compostela; seguida da Mesa 6: A mentalidade e expresións medievais, dunha conferencia de Historia da Arte ao coidado do profesor Jean-Paul Hernández, ‘En la puerta se resume la iglesia. Antropología y simbología de puertas y portales medievales’, e da Mesa 7: Espazo e patrimonio galego medieval; e rematada por unha Cea dos membros do Congreso. 

Comentarios