Cinema

Crítica de 'Eles transportan a morte'

"Contada desde o minimalismo das imaxes e da narrativa, aos poucos imos descubrindo a relación entre ambas historias e o que move aos personaxes a actuar como actúan".
Fotograma de 'Eles transportan a morte'.
photo_camera Fotograma de 'Eles transportan a morte'.

ELES TRANSPORTAN A MORTE (2021, España-Colombia, 75 minutos)

Dirección e guión: Helena Girón e Samuel M. Delgado

CRÍTICA

Helena Girón (Compostela. 1988) e Samuel M. Delgado (Tenerife. 1987) dan o salto á longametraxe de ficción após dirixir varias curtametraxes xuntos. Un filme de época, con visos e maneiras de Novo Cinema Galego, producido por Filmika Galaika e coproducida pola canaria El Viaje Films, a colombiana Blood Indian Films e a produtora propia de Girón e Delgado, chamada La Banda Negra.

O filme iníciase cunhas poderosas imaxes submarinas dunha vela co símbolo da Cruz de Santiago. Excelente exercicio de síntese co que sitúan a trama no seu marco histórico. Tres mariñeiros saen da auga portando a enorme vela e comezan a percorrer as agrestes rochas dunha illa como se fosen os tripulantes da Icarus mais, en troques de topar con simios evolucionados, descubrimos que están fuxindo duns barcos de Castela capitaneados por Cristóbal Colón.

Noutro lugar lonxe de alí, unha muller carrexa a súa irmá nun burro despois de que se intentara suicidar. Os tres homes tratan de atopar un medio para saír da illa, a muller unha curandeira para tratar de sandar a súa irmá. Dúas expedicións paralelas, aparentemente sen relación, que acontecen a milleiros de quilómetros de distancia (entre Ourense e Tenerife) e que comparten un nexo e unha particularidade comúns: ambas transportan a morte.

Contada desde o minimalismo das imaxes e da narrativa, aos poucos imos descubrindo a relación entre ambas historias e o que move aos personaxes a actuar como actúan. Por que foxen coa vela os mariñeiros? De que foxen? Que contén a bolsa que garda un deles con tanto celo? Por que se tratou de suicidar a muller?

A nivel técnico, Girón e Delgado optan por unha realización a plano fixo mantendo a cámara estática e deixando que pasen cousas; só reservándose o movemento de cámara para algunha escena de persecución ou seguimento dos personaxes. Destaca a poderosa fotografía de José Alayón (Branco en branco), en especial o hipnótico final e a escena que vén dunha eterna pantalla en negro que, de súpeto, se alumea nun par de momentos gloriosos coa tenue luz que produce un mariñeiro soprando un tizón. Marabilla.

Novo Cinema Galego que transita entre o naturalismo costumista, a poesía narrativa, a alegoría fantasmagórica e o realismo máxico, confluíndo todo nunha denuncia directa contra o colonialismo e a opresión de Castela.

Comentarios