O festival Novos cinemas comeza esta terza feira en Pontevedra

Raúl Capdevila estrea na Galiza o seu primeiro filme, 'Los saldos'.
Fotograma de 'Los saldos', de Raúl Capdevila.
photo_camera Fotograma de 'Los saldos', de Raúl Capdevila.

O festival Novos Cinemas de Pontevedra inaugura esta terza feira a súa sétima edición, para as que xa están as entradas individuais (3 euros) e os abonos (18 euros) á venda a través de ataquilla.com.

O evento comezará coa proxección das pezas do obradoiro que o festival leva en colaboración coa Universidade de Vigo, impartido nesta edición polos cineastas Helena Girón e Samuel Delgado. En Como vibracións a través do espazo, que se desenvolveu nos pasados meses, o alumnado puido explorar fontes que abordan o cinema desde unha perspectiva ampla e nas que a sensorialidade xoga un papel relevante.

As obras resultantes, autoría de Sara Alonso López, Fernando Areal Alvite, Antía Encisa González, Alejandro Fernández Viador, Tamara Goberna García, Alejandro López Mera, Alba Pérez Álvarez, Ana Laura Rodríguez Esteves, Andrea San Miguel Cabaleiro e Enrique Pena Vites poderán verse no Teatro Principal de Pontevedra ás 16.30 horas.

Ás 20.30 horas, no mesmo espazo, terá lugar a apertura oficial do festival estreando na Galiza a primeira película de Raúl Capdevila, Los saldos, un documental de produción galega estreado mundialmente no prestixioso certame helvético Visions du Réel, no que colisionan os conceptos de granxa e macro-matadoiro.

 Paralelamente, ao longo de toda a tarde desenvolverase o LAB de Novos Cinemas, que seleccionou nesta edición os futuros proxectos de Delfina Carlota, Elisa Celda, Carmen Pedrero e Sara Traba.

As catro cineastas estarán titorizadas por un equipo formado pola socióloga e xestora cultural Isona Admetla; o cineasta Eloy Domínguez Serén; a coordinadora editorial e programadora de Filmin Elodie Mellado; e a produtora, performer e directora teatral Montse Triola.

Comentarios