O festival Intersección volve traer á Coruña o cinema máis audaz

O festival de cinema Intersección volve á Coruña do 22 ao 26 de outubro, afondando no seu obxectivo de indagar nas novas linguaxes cinematográficas. Valentía, diversidade e curiosidade son os tres esteos nos que apuntala o seu programa desta edición. 
 
Gonzalo E. Veloso, director de Intersección, na rolda de prensa dsta terza feira. (Foto: Intersección)
Gonzalo E. Veloso, director de Intersección, na rolda de prensa dsta terza feira. (Foto: Intersección)

Valentía, diversidade e curiosidade. Estes son os tres piares que sosterán a edición de 2024 de Intersección, o Festival Internacional de Cinema da Coruña.  Máis de 70 títulos -entre os que se atopan estreas internacionais, estatais e galegas- procedentes de 16 países, conforman un programa que trae á Galiza obras premiadas en festivais internacionais como Locarno, Berlín, Visions du Réel, BFI London, Valdivia ou Hong Kong e que se poderán ver na Coruña entre o 22 e o 26 de outubro. Títulos que, en xeral, apenas atopan un oco nas programacións das salas do cinema comerciais. 

O director do festival, Gonzalo E. Veloso, presentou esta terza feira, 8 de outubro, en rolda de prensa, a programación deste ano acompañado polo  director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta da Galiza, Jacobo Sutil e polo Concelleiro de Cultura e Turismo da cidade, Gonzalo Henrique Castro Prado.

"Intersección segue crecendo e este ano apostamos por unha programación de cine con grandes títulos internacionais. Ademais, temos unha forte presenza de películas galegas cos traballo máis punteiros dos cineastas, que demostran a boa saúde do noso cine", afirmaba o director do certame que, ademais, anunciaba a creación dentro da grella de Nexus, un espazo para a industria no que se levarán a cabo diferentes actividades que potenciarán o festival como nodo de comunicación cultural e comercial entre os diferentes axentes do sector audiovisual, como apoio ao momento de florecemento que está a vivir o audiovisual galego.

Nexus preséntase como unha das grandes apostas deste ano. Desde os seus inicios, Intersección desenvolveu diferentes programas de impulso e apoio ao ecosistema galego da industria audiovisual. Dentro desta sección desenvolveranse programas formativos e de apoio á creación, como Intersección Lab, a carón de espazos de coprodución como Foro e matchmaking como Ágora. Tamén se integran en Nexus encontros profesionais, paneis, presentacións e outras actividades que teñen como principal obxectivo facilitar o networking e axudar a xerar sinerxías entre profesionais da produción e a creación cinematográfica.

Programa

En canto á programación, a Sección Internacional contará con 21 películas. Estarán en Intersección os últimos traballos de cineastas como Travis Wilkerson (coa súa homenaxe á serie negra Through the Graves the Wind is Blowing), Nelson Carlos dos Santos Arias (que trae Pepe, a histoira do primeiro e último hipopótamo asasinado nas Américas), Martin Rejtman (cunha coprodución entre Arxentina, Portugal e Venezuela sobre os traballadores das apps de reparto, El repartidor está en camino), Courtney Stephens (que explora o sentimento de dó en Invention), Cáit e Éiméar McClay (que reflexionan en A border of flat stones sobre a política do goberno británico durante a Gran Fame Irlandesa), ou Miguel de Jesus (con On Plains of Larger River & Woodlands, unha reflexión sobre as ameazas ao equilibrio ecolóxico), entre outros.

Pola súa parte, a Sección Galicia conta un ano máis con representación en dous formatos: o expositivo e o monocanal, o que permite ampliar os rexistros cos que traballamos e dar maior consistencia á cobertura de artistas en órbita. Un total de 19 títulos competirán nesta sección con traballos de, entre outras moitas, Ana Amado e Lois Patiño (Lavadoiro, que recolle as memorias de mulleres anónimas arredor destes lugares e a influencia que teñen ou tiveron nas súas vidas), Xacio Baño (con Platónico, platónica, unha irónica peza sobre a Intelixencia Artificial), Martín Romero (coa moi premiada To Bird or Not To Bird), Inés Pintor (que en Queimar cando morra examina o rol da muller a través de obxectos do armario da súa avoa) ou Hugo Amoedo (Pechar caixas, abrir caixas unha reflexión sobre a emigración e o retorno).

A Sección Escolas  -que descobre os primeiros traballos dos artistas que irrompen con forza na industria- estará comisariada pola colectivo Memoria Cinema e compoñerase de cinco títulos. Escolas descobre os primeiros traballos dos artistas que irrompen con forza na industria coas propostas máis libres, interesantes e aventureiras dos cineastas emerxentes.

A retrospectiva deste ano estará dedicada a Total Refusal, un colectivo que se autodefine como "unha guerrilla mediática pseudomarxista" centrada na intervención artística e a apropiación dos videoxogos convencionais para revelar o aparello político que se esconde detrás destes medios. Proxectarase a obra integral do colectivo e tamén haberá unha masterclass e unha performance.

Obradoiros

O festival, ademais, organizará dous obradoiros creativos. O primeiro deles estará dedicado  á Interpretación ante a cámara, a cargo de Alfonso Zarauza, un dos cineastas máis relevantes do cinema galego contemporáneo, recoñecido como director, produtor e guionista. Ao longo da súa traxectoria recibiu dez premios Mestre Mateo e o Premio de Honra de Cineuropa en 2020. Zarauza declara que "a maioría dos actores que coñezo teñen poucas oportunidades ao longo da súa carreira para mostrar o seu valor interpretativo. É dicir, para traballar en postas en escena verdadeiramente cinematográficas que profunden na psicoloxía do personaxe a través de diálogos cheos de subtexto e non simplemente expositivos. Todas as escenas seleccionadas para este taller teñen un subtexto real e perfís psicolóxicos profundos para que os actores poidan experimentar unha verdadeira inmersión interpretativa".

Ademais París/Berlín/Moscova: a rebelión do tempo, impartido por Memoria e Cinema (Bruno Arias e Fran Rodríguez),  ofrecerá unha visión teórica do cinema de vangarda da década de 1920, os seus autores e a súa influencia no cinema experimental posterior. Este apoio teórico buscará motivar a creación de pequenas pezas protagonizadas pola cidade da Coruña, cuxas imaxes dialoguen entre si e coas achegas do cinema de vangarda que emerxeu hai cen anos. Os asistentes aprenderán sobre a creación dunha obra audiovisual experimental ao longo de catro sesións que terán lugar nas datas do festival.

 

Comentarios