O Festival de Cans amosará 14 longametraxes en proceso

40 profesionais presentarán imaxes inéditas dos seus traballos.
A cineasta Jaione Camborda con Janet Novás, en 'O Corno'. (Foto: Esnatu Filmes)
photo_camera A cineasta Jaione Camborda con Janet Novás, en 'O Corno'. (Foto: Esnatu Filmes)

A XX edición do Festival de Cans, que terá lugar nesta aldea do Porriño (comarca de Vigo) do 16 ao 20 de maio, contará nos seus coloquios matinais da segunda á sexta feira coa presenza de perto de 40 profesionais, produtoras ou actrices e actores que presentarán 14 proxectos.

Dúas das seccións deste festival que máis expectación espertan son A que andas? e Fillas de Cans, destinadas a dar a coñecer o material inédito das creadoras e creadoras. Na primeira das seccións daranse a coñecer os primeiros avances no guión de oito proxectos en desenvolvemento. 

Polo Baixo de Carlos, onde decorrerá o evento, pasarán guionistas e directores experimentados como Alfonso Zarauza con Islandia, o seu novo proxecto; o regreso ao cinema de Mario Igrexas, co guión de As Fillas de Isaura; ou Alberto Vázquez, gañador de tres Goyas na categoría de animación, co proxecto do filme Decorado, que parte da curta que gañara o Festival de Cans.  

Pola sección tamén pasarán debutantes como a actriz Ledicia Sola, que desenvolve o guión do que será a súa primeira longametraxe, As augas, ou Area Erina con Aurora, proxecto documental no que investiu os seus últimos anos. 

Imaxes inéditas

En Fillas de Cans, a sección que presenta imaxes inéditas de películas xa rodadas na última fase de acabado antes de chegar ás pantallas, poderemos ver avances de seis filmes, presentados polas súas directoras e directores.

Entre eles, O Corno, o novo filme de Jaione Camborda, protagonizado pola bailarina Janet Novás, que a acompañará na presentación; Un pasado por diante de Olga Osorio, que foi premiada en Cans como curtametraxista, ou o agardado debut na longametraxe de Sonia Méndez, que presentará en Cans imaxes de As Neves, xunto coa produtora  do filme, Nati Juncal

Comentarios