Contracultura

Diego Giráldez: "A realidade é o meu principal referente literario"

Diego Giráldez (O Porriño, 1976) é coñecido por unha longa traxectoria xornalística, profesión á que segue vinculado e pola que é finalista do Premio Afundación de Xornalismo Francisco Fernández del Riego deste ano. Debutaba tamén como narrador en 2016 con Galería de saldos, colección de relatos á que seguiu a novela Hotel para coleccionistas discretos (2019). Este ano aparece O meu sangue, unha obra que volve sorprender e sobre a que falamos neste caloroso xullo.
O xornalista e escritor Diego Giráldez. (Foto: Mateo H. Soto)
photo_camera O xornalista e escritor Diego Giráldez. (Foto: Mateo H. Soto)

—Como foi escribir unha novela como O meu sangue?
Podo dicir que é a obra coa que máis desfrutei, en certo sentido porque é a miña narrativa máis persoal. Quería facer tamén unha chiscadela ao meu círculo máis próximo, e é certo que esa familia e amigos son os que me están a facer os comentarios que máis significan para min de todos os que recibín sobre ela: penso que tamén os fixen desfrutar e quedo feliz por iso.

Ao contrario que en Hotel para coleccionistas discretos, recreeime aquí nos temas clásicos: o amor, a morte e a vinganza. E recreeime moi demoradamente, notando ao mesmo tempo que con ela toco un xeito de escribir máis maduro.

—Cóntenos un pouco do argumento, até onde sexa posíbel.
É o monólogo dun home que se vai transformando noutra cousa, por unha parte está todo o tempo rememorando a súa vida con Belén, a vida na aldea, cos fillos... o público empatiza moito con esa parte. Ese é o xogo que propoño ao lectorado, pois nalgún momento decatarase de que o protagonista ten unha parte escura e que vai acabar facendo algo bastante incorrecto. Gustábame levar ao público a esa sensación de querer dar un paso atrás na súa relación co protagonista. Polas respostas que vou recibindo parece que o conseguín e tamén me pasou unha cousa curiosa: eu mesmo non son de empatizar cos meus personaxes, son mesmo algo frívolo cando escribo, pero nesta ocasión rin e chorei, especialmente con Belén, que é o corazón da novela.

—Como ve a relación entre realidade e ficción na literatura?
É unha pregunta que me fan moito é canto de min hai no protagonista, eu creo que é porque está contada en primeira persoa mesmo no título: O meu sangue. A xente pregunta se é o “meu” sangue. En certo sentido si, pero eu non son o protagonista, non teño as súas características, non reaccionaría coma el.

Hai cousas de min, hai capítulos no hospital nos que está o que eu pasei na vida real coa miña filla, pero é unha novela. Agora mesmo hai unha relación perigosa entre realidade e ficción, algo que pode levar a moitos autores á autocensura. Non diría que fixen autocensura ao escribila, pero si que me cuestionei moito, pensei bastante se podía ferir algún tipo de sensibilidades e isto comenteino moito coas primeiras amigas que leron a obra.

Hai aí unha liña perigosa, pero é algo que pasa agora con toda a creación, non só coa literatura, e penso que vén provocado por un pensamento potenciado pola ultradereita que trata de imporse, ademais de que hai certos grupos mediáticos que teñen a intención de ternos algo acovardados. E é certo que podes cuestionarte cousas e reflexionar sobre elas, pero tamén tes que escribir con liberdade e soltar a obra que queres facer, non creo noutro xeito de entender a creación ou a arte.

—É un autor que leva toda a vida no xornalismo. Como é esa relación co literario?
É inevitable que haxa un xeito de escribir relacionado coa escrita xornalística, fíxeno durante anos, vivín na tensión da prensa local e mesmo agora segue a ser o meu modo de vida. Diría que este é o libro máis xornalístico dos que fixen, xa que non deixa de ser unha crónica, un libro moi rápido. O protagonista é escritor, pero conta as cousas como se fixese xornalismo.

É certo que nestes anos abandonei un pouco o eido da opinión, un pouco por cansazo emocional, un pouco por estar anoxado co mundo: neste momento da miña vida, hoxe por hoxe, non escribo para cambiar o mundo, fágoo pensando en entreter. Porén, ao mesmo tempo, eu nunca tiven referentes literarios claros: o meu principal referente literario é a realidade: o que vexo, o que palpo e o que intúo, e por aí sae sempre a miña parte xornalística.

Comentarios