Contracultura

Familia Caamagno: "A Xunta subvenciona a distribución de discos e as viaxes de grupos que non cantan en galego"

Manuel Caamagno, cantante do grupo galego Familia Caamagno, explícanos os detalles do novo traballo que están a preparar. Ao longo deste ano, a banda foi presentando algúns sinxelos que formarán parte do próximo disco, primeiro o tema de 'Xuntos', despois 'Samurai' e recentemente 'Romper Espagna'. Segundo adianta Caamagno, o disco levará o nome de 'O mundo está derrotado' e presentarase o 29 de outubro na Sala Capitol, en Compostela.
Manuel Caamagno, cantante do grupo Familia Caamagno, no centro da foto. (Foto: Aigi Boga)
photo_camera Manuel Caamagno, cantante do grupo Familia Caamagno, no centro da foto. (Foto: Aigi Boga)

—Como está a ser a acollida das novas cancións?
Están funcionando moi ben. A canción de Xuntos experimentou un cúmulo de cousas curiosas. É un tema que mestura a connotación política que tiña nos anos 90 a canción de Juan Pardo, coa resignificación que fixemos nós como himno ficticio da república socialista de Sigüeiro (Oroso). Ademais, xusto o día que tiñamos programada a estrea da canción, comezou a guerra de Ucraína, foi todo unha casualidade.

Tiñamos medo de que a xente a malinterpretase pero finalmente entendeuse ben o humor da peza. No que respecta a Samurai e Romper Espagna, son cancións enerxéticas que incitan ao baile, polo que tamén están a funcionar. No caso de Romper Espagna, aínda que pareza unha letra moi política, dá un xiro cara a unha cuestión máis hedonista que fala de desfrutar a festa como se fose a última.

—Estes adiantos do novo disco están a crear moita intriga entre o seu público. Sábese cando sairá o novo disco?
O novo disco estrearase un par de semanas antes da presentación oficial, que será o sábado 29 de outubro na Sala Capitol (Compostela). Antes disto aínda estrearemos unha canción, que xa tocamos en varios concertos e que lle dá nome ao disco: O mundo está derrotado. É un tema moi bailábel e que permite os coros para que o público participe. Desde o primeiro momento, sabiamos que esta canción ía funcionar moi ben.

O tema fala de que o remedio para os males do planeta é o hedonismo popular, é dicir, que non importa o que pase, o que queremos é pasalo ben. Aínda que pareza un discurso gracioso, por detrás a letra resulta algo agridoce. Falar destes temas con humor é máis complicado que tratalos desde a seriedade, pero é a maneira na que nos gusta facelo. Non tomamos nada moi en serio. Porén, temos unha ideoloxía e hai situacións que nos doen, por iso tamén hai crítica social nas nosas letras, aínda que sempre a deixemos ver desde o punto de vista humorístico.

—Como é o proceso de elaboración dunha canción?
No que respecta á letra, resulta máis cómodo que as compoña unha única persoa, neste caso son eu, o cantante, pois é necesario un proceso de identificación para que o discurso sexa máis unitario. En relación á música, encárganse os outros catro integrantes do grupo. Habitualmente un propón unha idea no local de ensaio e comezamos a tocar engadindo novas partes entre todos.

Dámoslle moitas voltas a cada tema antes de xuntalo coa letra. Despois enviámoslle o resultado ao noso produtor, que nos dá a súa opinión e, en base ás súas indicacións, volvémola modificar antes de gravala no estudo, onde tamén se xera un proceso creativo importante.

—Cal é o panorama actual da música galega?
Coido que a música galega se atopa nun bo momento a nivel de creación; hai novas bandas e novos estilos, pero creo que non son suficientes. O fenómeno Tanxugueiras veulle estupendamente ao idioma. Ninguén esperaba que un grupo así puidese conseguir tanto éxito nas redes e entre a xuventude facendo música tradicional mesturada cun estilo máis urbano. Coido que é algo moi positivo, mais tamén considero que aínda non se están a ver os resultados disto, quizais dentro duns anos. No que respecta ás axudas, si que as hai pero para poder conseguilas cómpre estar nunha produtora solvente. As axudas ao talento que presentou a Xunta da Galiza teñen como único requisito que a produtora teña a súa sede no país, mais non se pide que os e as artistas sexan galegas nin que canten en galego.

Estamos cansos de ver como se subvencionan con cartos da Xunta a distribución de discos e as viaxes de grupos que non cantan en galego. As axudas poucas veces pensan nos artistas, pensan máis nos selos discográficos das produtoras.

Comentarios