Garrido Couceiro analiza no seu novo documental a mirada de Castelao sobre os cruceiros

A estrea do documental 'As cruces de pedra na Bretaña (o retorno)', de Xoán Carlos Garrido Couceiro, puxo o ramo esta sexta feira en Pontevedra ás xornadas 'Pensamento e creación: Castelao, 75 anos despois'. Os relatorios deste ciclo analizaron a creación literaria e artística do dirixente galego. 
Presentación do documental, este 17 de outubro en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
Presentación do documental, este 17 de outubro en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

As xornadas 'Pensamento e creación: Castelao, 75 anos despois' repasaron distintos aspectos da traxectoria e legado do dirixente galego durante as palestras realizadas esta quinta e sexta feira na Casa das Campás, Pontevedra, organizadas pola Aula Castelao de Filosofía e o Campus Crea da Universidade de Vigo.

Puxo o ramo ao ciclo a estrea do documental As cruces de pedra na Bretaña (o retorno), de Xoán Carlos Garrido, profesor de Filosofía e especialista no pensamento de Castelao. Esta obra audiovisual revisa os cruceiros que inspiraron a obra homónima do rianxeiro e o  estado no que se manteñen. Realiza esta explicación a través dunha voz en off, narrada polo actor Lucho Penabade. Faino “tentando ser fiel ao que o autor lembraría”, por tanto, lonxe de ser unha análise do estudo realizado polo propio Castelao en 1930, pretende, como sinala Garrido a Nós Diario, “recoller este estudo segundo o seu espírito o mellor posíbel para despois dar pé ao debate e a reflexión”. 

O recoñecemento a Castelao no documental, destaca Xoán Carlos Garrido, vai alén da obra en si. Esta peza audiovisual recupera a idea central das xornadas: a relación entre a arte de Castelao e a súa mirada sobre as cousas. Garrido defende que na apreciación que Castelao fai da arte galega “hai tamén un compromiso con comprender, valorar e identificarse co pobo”. Especialmente os cruceiros, que Garrido cualifica como a arte “que consola aos máis vulnerábeis no canto de facer gozar aos máis privilexiados”.

A relevancia dos cruceiros

A importancia que Castelao dá aos cruceiros, atópase xa desde a etapa do Seminario de Estudos Galegos e culmina coa súa obra As cruces de pedra na Galiza (1950). É un reflexo do seu ideario nacionalista, mais tamén da súa intención de achegarse ás marxes e ás clases populares. Outro aspecto salientado a través do documental é que a ollada nacionalista de Castelao, “da que nunca renegou”, implicaba un camiño cara ao internacionalismo.

Explica o director do filme que o recoñecemento de distintas características da situación galega, como son a falta de soberanía, a opresión nacional ou o desprezo á lingua e cultura propias son os factores que o levan á identificación doutros pobos en situacións semellantes. É o caso da Bretaña. Isto vese reflectido, detalla Garrido, na relevancia que outorga á súa viaxe alí e á conexión que para Castelao ten esa terra coa Galiza. Amósase que Castelao atopa na Bretaña “unha cultura atlántica semellante que amplifica a nosa forza nunha identidade común”, e esta é a perspectiva que se buscou á hora de facer o documental, remarcou o director onte durante a presentación.

A creación artística

Previamente á estrea do documental, decorreu a palestra impartida polo profesor e pintor Paulo Porta Martínez, titulada 'A creación artística en Castelao', coa que explicou a evolución na arte de Castelao co paso do tempo e, por tanto, como a mudanza do contexto influíu na súa produción artística.

Na conferencia, retornouse á idea xa expresada na xornada anterior polo profesor Manuel Rei Romeu sobre a coherencia entre os valores de Castelao e a súa creación, pois como indicou Paulo Porta e reflectiu no seu relatorio, “Castelao é un exemplo a destacar na relación entre a creación artística e a ideoloxía”. Porén, sinalou, "a relevancia histórica que ten Castelao dá lugar a distintas interpretacións e visións sobre a súa obra".

Creación literaria

As xornadas principiaron antonte reparando na creación literaria do rianxeiro, co relatorio a cargo do lingüista e estudoso  de Castelao, Manuel Rei Romeu. O escritor centrouse nos momentos da xénese da creación literaria de Castelao, na etapa anterior á década de 1930, tamén a máis produtiva a este nivel. Correspóndese co momento de activismo máis cultural do rianxeiro, previo á súa participación na vida política da II República. Deste modo, destácase a “coherencia entre a obra do pintor, a ideoloxía do político” cuns principios firmes que “xiran sobe a idea de democracia galega e dos valores humanos fundamentais”, sinala Rei Romeu.

A música da Pedreira

A xornada de conferencias rematou cun recital ad hoc de Ugia 'A Pedreira' e Alejandro Vargas, facendo, por vez primeira, unha actuación a soas. O resultado foi un versionado musical, fusión de estilos como o jazz e a música tradicional galega, de temas do seu álbum Basal.

En declaracións a Nós Diario, Ugia Pedreira destaca que o vencello entre a súa música e o evento é “a filosofía desta que, como a arte de Daniel Castelao, ten unha clara concienciación política e social”. Como é o caso do rianxeiro, a súa arte está nutrida pola identidade galega, “que me nutre de recursos e ideas”.

Imaxe e deturpación: Coñecer o verdadeiro Castelao

Se hai unha intención das xornadas 'Pensamento e Creación: Castelao, 75 anos despois', é a de coñecer a súa figura sen mitos e en profundidade. Varios dos palestrantres coinciden na simplificación que se fai do seu labor e da súa ideoloxía. Indícao a propio Xoán Carlos Garrido: “É evidente que o máis relevante del é o seu nacionalismo, pero nacionalistas houbo moitos que deixaron de selo ou que o subordinaron a outras causas. Haberá que profundar máis para entender en que se afinca ese nacionalismo, que conviccións profundas tiña”. No dscoñecemento xeralizado de Castelao incide tamén Manuel Rei Romeu, quen destaca: “Non é coñecido por unha gran parte da poboación nin mesmo pola mocidade”. Rei Romeu distingue, ademais, a imaxe afastada e mitificada de Castelao, o que el denomina como “pompa”, que se reforza a través de concepcións como Ano Castelao ou Medallas Castelao fronte ás accións “reais” para “divulgar e dignificar a súa obra”. É por isto que valoran positivamente a existencia destas xornadas, porque, para Rei Romeu, as universidades deben asumir un papel no “coñecemento e difusión da obra de Castelao”. Aliás, recalca a importancia de Castelao como “servidor do pobo galego e a súa cultura”.

Comentarios