Castelao: as claves da Galiza actual na súa obra plástica
Para ler a obra plástica de Castelao, non podemos esquecer a compoñente ideolóxica que calquera obra de arte amosa. Pero ao mesmo tempo "o seu pensamento político se explica desde a súa vocación artística", como nos di Xoán Carlos Garrido.
Ideoloxicamente a clase dominante controla sempre o sistema de pensar de toda a sociedade. Gramsci denominabao hexemonía ideolóxica. Cando aparecen ideoloxías contrarias ao sistema ideolóxico dominante este trata ou ben de sometelas ou senón de asimilalas. Prodúcese unha loita por conseguir esa hexemonía.
Con Castelao é o que está a suceder. O noso autor foi contrario a hexemonía ideolóxica que presentaba a sociedade da restauración borbónica, xa que dende mozo enfrontouse ao sistema capitalista defendendo aos labregos e aos mariñeiros que vían como o capitalismo que estaba a introducirse na Galiza de primeiros do século XX, acababa cos seus dereitos. E enfrontouse ao sistema, denunciando a emigración, os impostos, o caciquismo, os foros, os asasinatos da xente do pobo e mesmo propoñendo un sistema político de novo cuño como era unha República Federal. E só utilizou unha arma: a arte e a palabra.
Hoxe o sistema que nos rexe, como non é capaz de integralo dentro de si, trata de encaixalo louvando a súa figura, pero rexeitando o seu pensamento, que se pode resumir en laicismo, republicanismo, federalismo e nacionalismo.
No 1984 repatriaron os seus restos pero ocultaron o seu pensamento ata hoxe. No ano 2018 faise a inauguración da exposición Castelao maxistral na Cidade da Cultura de Compostela e diante do cadro A derradeira lección do mestre, o entón presidente da Xunta, o Sr. Feijóo, dixo que era "la defensa de la educación frente al fanatismo", ocultando que se trataba do asasinato de Alexandre Bóveda. E recentemente o Parlamento galego, querendo facerlle unha homenaxe no seu 75 cabodano, negouse a facelo dun xeito institucional, optando por un
acto cuasi académico.
[Poderás ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 11 de outubro. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal!]