Eugénio de Andrade, o gran poeta de Portugal que amaba a Galiza

Esta quinta feira conmemórase o centenario do nacemento do escritor portugués.
Eugénio de Andrade e Xosé Lois Garcia en Pontevedra, en agosto de 1981 (Foto: Xosé Lois García).
photo_camera Eugénio de Andrade e Xosé Lois Garcia en Pontevedra, en agosto de 1981 (Foto: Xosé Lois García).

Hai cen anos, nacía na freguesía de Póvoa de Atalaia, no Fundão, no distrito de Castelo Branco, quen había de se converter nun dos maiores poetas portugueses de todos os tempos. Eugénio de Andrade sempre tivo presente esas orixes camponesas e a contorna da súa infancia: a natureza, as árbores, as aves, a luz, a auga, marcan o ritmo dunha lingua depurada que había de conformar unha obra poética con vocación de reconstruír o mundo. 

Andrade foi un poeta contemplativo que, a través da súa mirada penetrante, constataba a melancólica dualidade do mundo: a beleza existe, mais nada permanece. A existencia permanece prendida nesa contradición delusoria que hai que aceptar como un destino tráxico.

Andrade pertencía a unha xeración que había de levar as letras portuguesas a un cumio dificilmente superábel -Jorge de Sena, Sophia de Mello,  Agustina Bessa Luís, Eduardo Lourenço, Herberto Helder...- mais, se cadra, foi o que mellor encaixaba na imaxe popular que existe do poeta: solitario, un tanto antisocial, melancólico e apartado da vida social habitualmente asociada ao mundo literario. "Desde cedo me encontrei desinteressado de coisas que interessavam à maioria", confesaba, mentres escribía versos que apelaban ao sangue, aos sentidos, ao traballo manual, ao amor físico.  

Libros como As māos e os frutos (1948), Limiar dos pássaros (1976), Matéria solar (1980) ou O sal da lingua (1995) debuxan unha traxectoria movida polo desexo de transparencia e luminosidade, unha voz presidida pola claridade e o rigor e unha convicción moitas veces verbalizada: "A esquerda á que pertenzo saberá que unha das verdades é o corpo, que un dos poderes é o desexo. E nunca esquecerá que o home ten dereito ao pracer".

Andrade e a Galiza

Andrade tamén foi un dos autores portugueses que maior contacto mantivo coa Galiza. Declaraba sempre que podía a súa admiración pola poesía de Rosalía de Castro e dos trobadores medievais galegos e portugueses.

O escritor Xosé Lois García, quen mantivo unha longa amizade con el, lembra en conversa con Nós Diario, como, nunha viaxe realizada desde Tui a Compostela, "se mostrou moi conmovido ante o sepulcro de Paio Gómez Chariño, no convento de San Francisco de Pontevedra" ou como se puxo a recitar os versos de Mendiño ao divisar, desde a ponte de Rande, a illa de San Simón. 

"Era unha persoa moi entusiasta en todo o que facía", relata García. "Unha vez, en Compostela, espertoume ás tres da mañá para recitarme por teléfono un poema que lle dedicara á praza da Quintana. E tamén podía ser moi vehemente: unha vez, na Casa de Rosalía en Padrón, púxose a rifarlle a un grupo de persoas que facían barullo porque dicía que aquel lugar merecía respecto".

Como apunta García, na ruptura coa poesía social das décadas de 1960 e 1970, moitos poetas galegos escolleron Andrade como un dos seus referentes e visitaban con certa asiduidade o poeta no seu fogar do Porto, "o niño do corvo, como el o chamaba".  

No ano 2000, polo conxunto da súa obra, Andrade recibía o Premio Celso Emilio Ferreiro, xusto un ano antes de que lle fose outorgado o Camões, o máis importante da lingua portuguesa. 

Unha exposición que atravesa máis de 50 anos de escrita

No Porto, cidade onde morou o poeta, vén de inaugurarse a exposición Eugénio de Andrade, A arte dos versos, no Biblioteca Municipal Almeida Garrett, baseada no legado manuscrito, fotográfico e editorial que lle foi entregado ao Concello no ano 2020. Con entrada gratuíta, poderanse ver, até o 29 de abril, "documentos inéditos, manuscritos, postais, carteis e obxectos que nos revelan historias, viaxes e encontros cos seus compañeiros". 

Comentarios