A estrea estatal de 'Ariel', de Lois Patiño, inaugurará o Curtocircuíto
O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto, organizado polo Concello de Santiago de Compostela, inaugurarase o próximo 1 de xullo co último traballo de Lois Patiño, Ariel. O filme, protagonizado por Irene Escolar, Agustiña Muñoz e actores da compañía teatral Voadora, Hugo Torres, Marta Pazos e José Díaz, será o disparo de saída do novo modelo do festival, que alcanza a súa vixésimo segunda edición entre o 1 e o 6 de xullo cun cambio de estrutura que sae ás rúas para xerar espazos de debate e intercambio.
Ariel é o último traballo de Lois Patiño, cineasta que mantén un estreito vínculo con Curtocircuíto, festival no que participou en diversas edicións. A inauguración a cargo de Ariel en Santiago será a estrea no Estado español do filme, que vén respaldado por seleccións en certames internacionais como o IFFR en Rotterdam, FICCI en Cartagena de Indias ou BAFICI en Bos Aires, e que se presenta como unha das películas galegas do ano.
Por outra parte, a sección Planeta Gz do festival reafirma a súa vocación como espazo de encontro co cinema galego máis innovador e diverso. Este ano ofrece unha selección de once filmes. Entre eles, Un dragón de cien cabezas, de Helena Girón e Samuel Delgado; Nayán, de Carla Andrade; Abellón, de Fon Cortizo; Furada Negra, de Berio Molina, ou Alboroque, de Sabrina Fernandez Casas.
Supernova descobre os traballos dos creadores máis emerxentes do circuíto galego. Este ano, selecciona 10 títulos de diferentes estilos e formatos. Desde a exploración de lendas e santuarios en O Corpiño, de Antía Rodeiro e Blanca Navarrete, ou os corpos e o xénero en Pupa, de Antía Carreira, até as relacións en Áncora, de Cris Souto.
A sesión especial Terra está dedicada este ano ao cineasta e artista visual Adrián Canoura, recoñecido pola súa capacidade para reimaxinar a identidade cultural galega e pola súa busca constante de novos horizontes estéticos desde un espazo único entre o cinema, a arte e o ensaio audiovisual.
