Esgótanse as entradas para o último concerto da xira ' O derradeiro Diluvio' das Tanxugueiras na Coruña

8.500 asistentes celebrarán e corearán xunto ao trío galego os seus grandes éxitos nesta última parada da súa extensa xira, bautizada co nome de ‘O derradeiro Diluvio’ e serán partícipes dun fito histórico, ao se converteren Olaia, Sabela e Aida nas primeiras artistas en galego que consigan encher o maior recinto fechado de concertos do noroeste da Península Ibérica.
Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, Tanxugueiras. (Foto: Trece Amarillo)
photo_camera Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, Tanxugueiras. (Foto: Trece Amarillo)

A dúas semanas aínda para unha das datas máis importantes na carreira de Tanxugueiras até o momento, as artistas conseguiron despachar todas as entradas para asistir ao seu show fin de xira o próximo 16 de decembro no Coliseum da Coruña.

8.500 asistentes celebrarán e corearán xunto ao trío galego os seus grandes éxitos nesta última parada da súa extensa xira, bautizada co nome de ‘O derradeiro Diluvio’ e serán partícipes dun fito histórico, ao se converteren Olaia, Sabela e Aida nas primeiras artistas en galego que consigan encher o maior recinto fechado de concertos do noroeste da Península Ibérica.

Este show tan único e especial, para o que a banda e o seu equipo levan ensaiando “desde hai semanas”, tal e como foron mostrando nas súas redes sociais, deparará “moitas sorpresas e ao escenario subirán un bo feixe de convidados de luxo”.

Xa confirmaron a súa asistencia Rayden (a quen, á súa vez, elas acompañarán na súa despedida no Wizink madrileño), Rozalén, a nominada aos Latin Grammy e aos Premios Goya Valeria Castro, Guadi Galego ou Muerdo. Ademais, o repertorio do concerto incluirá novos temas que se incorporarán ao setlist da nova xira para o 2024.

Nova música

No que respecta á estrea de nova música, a recta final do 2023 tamén foi moi prolífica para as galegas, que estrearon novos temas con Juancho Marqués ("As que tiñan que estar"), Ruth Lorenzo ("Reina"), e a máis recente, "Sangue", xunto a Hard GZ.

Comentarios