Análise

‘O emigrante’, 50 anos de banda deseñada galega

Un inicio consciente da moderna banda deseñada galega.
o emigrante banda deseñada nos diario
photo_camera 'O emigrante' de X. Marín, '2 viaxes' de R. Patiño, 'Homenaxe a Castelao' na Revista Axóuxere, e 'Cara ao pai' de Pepe Barro.

En marzo de 1971, no número 35 da revista de variedades Chan, editada pola emigración galega en Madrid e dirixida por aquel entón por Raimundo García “Borobó”, os lectores tiveron a ocasión de ler por vez primeira e, “en exclusiva”, unha historieta dun aínda descoñecido Xaquín Marín. Publicada a toda páxina baixo o título de O emigrante, a peza desenvolve a historia dun home que, matinando na chea de cartos que ía facer na emigración, amosa fachenda sobre o seu regreso á terra nun grande e elegante coche. O derradeiro cadriño revelará un tráxico final do coitado volvendo nun grande e elegante coche fúnebre. Xunto a imaxe, a retranqueira sentenza “e voltou” pretendía acabar coa visión distorcida dunha emigración que consegue cartos a eito e sen dificultade. O fenés inauguraba así o “ciclo da fame”, un conxunto de seis historietas onde a denuncia da desigualdade social, o falso progreso e a procura da subsistencia son o eixo común.

Alén das cualidades propias desta serie de historietas, a súa importancia reside en que constitúen un inicio consciente da moderna banda deseñada galega. Isto non quere dicir que non tivésemos experiencias previas de banda deseñada en galego. Desde precursores como Román Navarro no século XIX até as coñecidas tiras de Castelao ou os Contos galegos de Torres ou Cebreiro, posuímos testemuñas dun antergo interese por transmitir cultura, humor e denuncia social por medio da linguaxe verbo-icónica. Mais se podemos considerar O emigrante como a pioneira da banda deseñada galega é porque, fronte ao carácter certamente precursor e ocasional daquelas pezas, agora iríanse espallar a moreas, con numerosos artistas publicando en todo tipo de formatos e medios. Así e todo, o comezo do cómic na Galiza nos anos 70 non foi algo casual, senón que respondeu á vontade e á necesidade de traer este medio ao galego. A publicación desta primeira historieta debeuse ao encontro en Madrid con Reimundo Patiño, a través do cal Marín pretendía integrarse na Estampa Popular Galega, que por aquel entón xa esmorecía.

Patiño, fundador e guieiro de innumerábeis proxectos e grupos artísticos, (desde a mencionada Estampa até Brais Pinto, á Liga Nórdica, A Gadaña, Redor, etc.) percibiu na súa pintura un marcado compoñente narrativo e, consciente da necesidade de incorporar o cómic ao eido cultural galego, convidouno a reconducir a súa arte cara á narración gráfica. De aí abrollaría o grupo (outro máis) Fusquenlla, do que, ademais, sairía no ano 1975, con historias dos dous artistas, o álbum 2 viaxes. Tres anos antes, en 1972, Reimundo daba a coñecer no taller Redor de Madrid, a súa peza mural O home que falaba vegliota, 12 pranchas serigrafadas que abeiraban unha narración gráfica distópica e coa que pretendía facer uso dos seus presupostos estéticos e sociais, entanto que buscaba “crear unha arte de urxencia, facer unha arte que sexa do noso tempo e do noso país”.

A tarefa non era doada. Expoñer no Madrid do tardofranquismo unha obra experimental en galego que denunciaba a persecución da nosa lingua supuña todo un acto excéntrico e radical. Mais así era Patiño. E sempre daba no albo. A súa intención de achegar a novena arte e o seu compromiso social ao maior número de persoas foi acadada. Tras visitar o seu Vegliota, os fillos de Isaac Díaz Pardo, Xosé e Rosendo, xunto con Chichi Campo e Luís Esperante, decidiron crear o Grupo de cómics do Castro, a partir do cal as exposicións de banda deseñada (incluídas pezas de Patiño e Xaquín Marín, Pepe Barro, ou Ricardo Lázaro) sucedéronse por toda Galiza grazas ao apoio dunhas activas asociacións culturais. O éxito estaba asegurado e os obxectivos cumpridos. O eco social e político que estaba a levantar esta mostra itinerante foi abondo como para chegar a ser atacada por fatos franquistas, rachando e incluso queimando algunhas das pranchas expostas.

Sexa como for, a banda deseñada galega estaba xa implantada en todo o territorio. Todos os xornais incluían nas súas páxinas tiras e pranchas dos novos autores que comezaban a expresarse por este medio. Mentres que revistas como Axóuxere ou Vagalume achegaban a nosa lingua aos máis novos por medio de historietas máis convencionais, artistas como Antón Patiño apostaban por atrevidos álbums experimentais e mesmo xurdían os primeiros fanzines.

 Aínda que o soño de Reimundo Patiño e Xaquín Marín de crear unha banda deseñada galega cunha estética e trazos de seu non chegou a callar e xa os anos oitenta encanaron un novo rumbo do medio no noso país, o ronsel deixado por estes pioneiros abriu un camiño grazas ao cal podemos hoxe en día presumir de ter unha sólida nómina de autoras e autores de recoñecido prestixio. Pola contra, boa parte deles vense abocados a ser, como na nosa historieta pioneira, ben no xeográfico, ben no editorial, emigrantes que teñen que buscar fóra o modo de vivir da súa arte, no entanto, agardamos que estes si consigan volver sans e salvos.

Comentarios