As editoras galegas acoden á Feira de Boloña... sen o apoio da Xunta da Galiza

A AGE mantense á marxe do stand que a Xunta de Galiza manterá tamén na Feira de Boloña -atendido por persoal alleo ao sector- debido ao descontento existente pola representación do sector nas grandes feiras internacionais do libro.
O stand da Asociación Galega de Editores na edición da Feira de Frankfurt de 2022.
photo_camera O stand da Asociación Galega de Editores na edición da Feira de Frankfurt de 2022.

A Asociación Galega de Editoras (AGE) regresa, do 8 ao 11 de abril, á Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña (BBF), onde contará cun espazo propio dentro do stand da Federación de Gremios de Editores de España.

A AGE mantense á marxe do stand que a Xunta de Galiza manterá tamén na Feira de Boloña -atendido por persoal alleo ao sector- debido ao descontento existente pola representación do sector nas grandes feiras internacionais do libro e que levou a que editores e Xunta teñan stands diferentes nalgúns dos encontros de primeiro nivel internacional

"En todos lados é o gremio de editores o que xestiona a presenza nas feiras internacionais, mais a Xunta insiste en tutelar mais que en colaborar. E unha feira profesional non é un escaparate promocional. Sempre mostramos a nosa disposición ao diálogo, pero sen resposta", explicaba a Nós Diario Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editores.

A BBF, de carácter exclusivamente profesional, está considerada como a feira internacional máis importante en compra e venda de dereitos de literatura infantil e xuvenil. Este ano celebra a súa edición nº 61.

A Feira amplía de novo a súa oferta principal a través do programa de conferencias, exposicións e formación para o sector editorial en xeral: BolognaBookPlus ofrecerá un escenario global para debater os temas de máis actualidade para o sector, que se acadaron aínda máis relevancia debido á pandemia.

Alvarellos Editora, Kalandraka, Galaxia, Triqueta Verde, Patas de Peixe, Creotz Ediciones, Xerais, Bululú e Edicións do Cumio, son as empresas asociadas á AGE que participarán - presencialmente- no espazo colectivo da Asociación Galega de Editoras até o 11 de abril. Kalandraka Editora contará con stand propio ademais de participar no que representa as editoras da AGE.

Comentarios