O Centro Galego de Barcelona protagoniza o 'Sermos Galiza' deste sábado

Aliás, repasamos a historia do Centro Galego de Barcelona.
Capa da reportaxe 'Centro Galego de Barcelona'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Capa da reportaxe 'Centro Galego de Barcelona'. (Foto: Nós Diario)

Este sábado atoparás nos quiosques, xunto ao teu exemplar de Nós Diario, o semanario Sermos Galiza, que abre coa reportaxe 'Centro Galego de Barcelona. Salvar o pasado ollando cara ao futuro', de Antón Escuredo.

Analizamos nesta peza a historia desta institución, que comeza en 1892, e a súa importancia como punto de paso para emigrantes, funcionariado e mesmo cargos de relevancia política. Asemade, pomos o foco na súa posíbel desaparición, e as iniciativas que se están a levar a cabo para evitalo.

Entrevista a Edelmiro López

No Sermos deste sábado o xornalista Ricardo Suárez entrevista Edelmiro López Iglesias, doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), para analizar o impacto da Política Agraria Común (PAC) na Galiza após 35 anos.

O economista repasa a traxectoria da PAC e as súas implicacións para a agricultura galega, ao tempo que reflexiona sobre as súas consecuencias a medio e longo prazo, e as reformas precisas para mellorala.

'Cidades sás'

Por outra parte, Iago Valverde asina a peza 'Mmasa. Cidades sás', na que analiza a maneira de entender o urbanismo do Estudo Mmasa, encabezado por Patricia Muñiz e Luciano G. Alfaya. Unha visión diferente á que tradicionalmente "tende asociar o urbanismo co Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM)".

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Iago Suárez, que trae as últimas novidades, mentres Herminio González asina un artigo titulado 'Música cósmica'.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, a comezar por The Electrical Life of Louis Wain, de Will Sharpe, e Anxo Fole ofrece na sección de Cociña diferentes receitas para o comezo do verán.

Noutra orde, Mario Regueira debulla o libro Retratos en branco e negro, de Charo Pita, mentres Inma Otero Varela analiza Antese, de Arancha Nogueira. Aliás, o colectivo Xea dá unha primeira visión de Guitiriz e a ruta da Auga, nunha nova edición do Andar e Ver.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario; 64 páxinas por tres euros.

Comentarios