Dúas escritoras e unha nova factoría cultural: Apiario

As escritoras Antía Otero e Dores Tembrás xúntanse para crear Apiario, unha iniciativa que conxuga formación literaria e editorial. Ao igual que as abellas, xúntanse para faceren comunidade. 

Dores Tembrás e Antía Otero
photo_camera Dores Tembrás e Antía Otero

Como escritoras que son, Dores Tembrás e Antía Otero botaron man da metáfora á hora de definir o seu novo proxecto. Trátase de Apiario, unha iniciativa na que as abellas-promotoras constrúen a súa factoría, desta volta, arredor da palabra. 

As dúas autoras descubriran moitos puntos en común. Con traxectorias xa dilatadas no mundo da literatura, ambas desenvolvían unha ampla actividade relacionada coas letras desde obradoiros a recitais pasando por propostas máis experimentais. Ao se xuntaren, as ideas agromaban con fluidez e conxeniaban ao xeito. Apiario foi tomando forza até se presentar con dous ámbitos de actuación definidos. Na área de formación propoñen actividades que van desde cursos, obradoiros en centros de ensino, monográficos ou programas on-line. Como editorial, Apiario publicou os seus primeiros títulos e anuncia tres coleccións co seu selo: Cera Labrada para poesía, Niño de Abella para infantil e Abella mestra para ensaio e divulgación. 

“As nosas traxectorias converxen e hai un entendemento e sensibilidade compartidas. Decidimos por iso unir forzas e levar adiante un proxecto conxunto, temos ganas de construír nun tempo tan ermo”, di Antía Otero

Celebración de Gonzalo Hermo (Colección Cera Labrada) e Porque Cuqui non quere ir á lavadora. Conto MOI IMPORTANTE para lerlles aos maiores antes de durmir de María Lado con ilustracións de Yanina Torres en Niño de Abella son os primeiros libros de Apiario. 

Unir forzas no mesmo panal

“As nosas traxectorias converxen e hai un entendemento e sensibilidade compartidas. Decidimos por iso unir forzas e levar adiante un proxecto conxunto, temos ganas de construír nun tempo tan ermo”, adianta Antía Otero en palabras ás que asente Dores Tembrás a seguir. “Coincidimos na xeración, na sensibilidade e na maneira de traballar, na case obsesión por controlar o acabado. Procuramos o mesmo”, engade. 

Con este punto de partida, Apiario busca a esencia da palabra, a creatividade da arte e a autenticidade do artesanal. O perfil do seu novo selo está definido pola súa propia condición de artistas-activistas. Será autoxestionada, traballarán sen distribuidora, repartindo en man os exemplares e dando pulo á tenda online e reivindicando ao tempo o papel, artesanal, con formatos distintos segundo a natureza do libro. “Queremos recuperar o libro-obxecto no que en cada novo título se escolle o papel, a tipografía, o deseño ou o cosido... co concepto da confección, cun traballo artesanal”, explica Antía Otero. Desta maneira, as distintas coleccións renóvanse en cada un dos títulos. 

“A perspectiva de ser autoras é moi valiosa. Sabemos como queremos tratar a quen publique con nós, creando comunidade", explica Dores Tembrás

“Apiario responde ao que nos interesa, ao que buscabamos. Non é un proxecto ao uso mais si o que nós desexamos, é o ámbito no que buscabamos traballar”, apunta Dores Tembrás para quen  atravesar a fronteira como autora e poñerse da parte do mundo editorial resultou un salto fascinante. “A perspectiva de ser autoras é moi valiosa. Sabemos como queremos tratar a quen publique con nós, creando comunidade, conseguindo que o ilustrador estea en contacto co autor cunha maneira distinta de traballar, de coidar o libro e a súa elaboración”, explica Tembrás. “Vai ser unha editorial para publicar aqueles libros que tamén a nós nos namoren nos que a palabra sexa moi importante mais tamén o libro como arte” engade Antía Otero e refírese como exemplo ao primeiro libro de poesía que nace co selo Apiario, a nova obra de Gonzalo Hermo co deseño do artista Mauro Trastoy (do que o semanario Sermos Galiza ofreceu un adianto editorial) . “Para nós a interdisciplinalidade e a relación entre as distintas artes é básico. Niso levamos tempo traballando e será un criterio a seguir na produción editorial”, anota Otero. 

Prefiren non se asustar ao comprobar o cincento estado do mundo cultural e o desgaste que están a producir os recortes e a crise económica. Botar a andar o proxecto supuxo xa un “baño de realidade” do que, malia os números, saíron coa mesma ilusión. “Somos conscientes do momento no que nace Apiario mais cremos moito no proxecto e na súa viabilidade. Queremos traballar no que nos gusta e confiamos na existencia dun público ao que nos dirixir, sabemos que está aí. Non é maioritario mais nós tamén traballamos doutra maneira, a nosa marca ten que ser outra”, apunta Dores Tembrás mentres confía, con Antía Otero, en que, unha rede comunitaria se teza arredor de Apiario. 

Comentarios