'Diante da Porta', a nova panxoliña de Fuxan os Ventos para este Nadal

Capa de 'Diante da Porta' de Fuxan os Ventos (Ilustración de Agus Shuan).
Trátase dunha nova achega dunha serie de cancións que o grupo Fuxan os Ventos sacará á luz durante os próximos meses.

O histórico grupo Fuxan os Ventos publica esta Nadal unha panxoliña: Diante da porta, un tema de melodía tradicional recollido polo propio grupo.

A letra da recolleita contaba unicamente coas primeiras estrofas que foron complementadas e adaptadas por Darío Xohán Cabana.

Un agasallo de Nadal que conta cos arranxos de Xoán Fuertes e Moncho Díaz, e coas colaboracións instrumentais de Benxamín Otero (óboe), Miguel Díaz (clarinete), Roi Adrio (percusións) e Simón García (contrabaixo).

A imaxe da cuberta é obra da ilustradora Agus Shuan.

Unha nova achega dunha serie de cancións que o grupo Fuxan os Ventos sacará á luz durante os próximos meses. Algúns destes forman parte da exposición ‘Fuxan os Ventos. 50 anos de historia’ que conmemora o medio século de vida do grupo lugués.

Homenaxe a Moncho Díaz

O pasado mes de marzo Fuxan o Ventos publicaba un tema en homenaxe ao seu membro falecido un mes antes, Moncho Díaz.

O tema, titulado ‘Eu en ti’ que é un poema de Celso Emilio Ferreiro musicado por Xoán Luís Fuertes Saavedra. O grupo continuaba así cun dos seus sinais de identidade: integrar nas letras das súas cancións poemas da literatura galega.