O Día das Artes Galegas conmemora a obra do escultor Francisco Asorei

'A Santa' de Francisco Asorey, na exposición 'Galicia, un relato no mundo', no Gaiás, en 2020. (Foto: Manuel G. Vicnte / Cidade da Cultura)
Cambados acolle os actos centrais da Academia Galega de Belas Artes

O 1 de abril de 1188 colocáronse os linteis do Pórtico da Gloria, na catedral de Compostela, nunha obra dirixida polo Mestre Mateo. Desde 2015, a Real Academia Galega de Belas Artes celebra esta data como Día das Artes Galegas, que neste 2024 conmemora a figura de Francisco Asorei (Cambados, 1889–Compostela, 1961), considerado un dos renovadores da arte galega, cunha intensa, singular e monumental obra repartida por toda a Galiza, Euskadi, Catalunya e mesmo Bos Aires e Montevideo.

O cambadés é considerado un dos artistas máis innovadores da arte e da escultura do Estado español no século XX, polo que esta efeméride supón para o Concello de Cambados (O Salnés) "unha oportunidade para recoñecer e pór en valor a vida e obra" de Asorei, con pezas tan paradigmáticas como A Santa, A Naiciña ou o monumento a curros Enríquez situado nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. 

Con tal motivo, o Pazo de Fefiñáns (Cambados) acollerá este sábado, 6 de abril, os actos de celebración do Día das Artes Galegas, a comezar polo Pleno da Academia.

Logo dun xantar de confraternidade, Academia e Concello, acompañados do gaiteiro Xaquín Xesteira, realizarán unha ofrenda floral fronte ao monumento A Naiciña, de Cao Lata, discípulo do escultor homenaxeado. 

O acto central decorrerá no auditorio da Xuventude de Cambados, onde representantes de diferentes institucións e asociacións culturais e veciñais poderán loar nun acto público o insigne escultor cambadés, coñecido pola súa obra modernista que buscaba os contrastes, mesmo de pedras e madeiras, cun simbolismo entendido, como moitos compañeiros de xeración, nunha relación céltica de paisaxe e paisanaxe.